A Xunta reforza o seu apoio a medio cento de entidades colaboradoras de pesca fluvial con axudas directas de 2.000€ destinadas a mellorar o coidado dos ríos

Redacción
  • Por primeira vez, o Goberno galego ofrece esta achega extra coa que os beneficiarios poderán comprar maquinaria, equipamento e outro tipo de material para a realización de labores de xestión de residuos nos coutos nos que desenvolven a súa actividade
  • Ángeles Vázquez explica que esta medida de apoio se suma á orde de axudas anual da Consellería para apoiar accións divulgativas e de vixilancia fluvial, cun orzamento de 50.000 € e coa que este ano se prevé poder atender todas as solicitudes recibidas
  • Pon en valor tamén o importante papel que desempeñan as sociedades colaboradoras a prol da calidade e da sostibilidade dos tramos fluviais a través do fomento dos valores deportivos e ambientais ligados á practica da pesca continental

A Xunta de Galicia reforzará este ano o seu apoio a 50 entidades colaboradoras de pesca continental de toda a Comunidade coa concesión de axudas directas por importe de 2.000 euros —100.000 euros en total— para a compra de material destinado a mellorar o coidado e a sostibilidade dos ríos galegos.

Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou no Xirimbao no acto de sinatura dos convenios de colaboración correspondentes cos representantes de 25 das entidades que, de forma voluntaria, decidiron adherirse a esta iniciativa —as outras 25 asinaron telematicamente—.

Trátase dunha medida novidosa xa que, por primeira vez, o Goberno galego ofrece esta achega extra coa que as sociedades de pesca poderán financiar a compra de maquinaria, equipamento e outro tipo de material —palas, forcas, contedores, sacos de lixo resistentes…— para realizar labores de xestión dos residuos que tanto a propia pesca como outras actividades autorizadas poidan xerar nos coutos da súa área de influencia.

Neste sentido, a conselleira explicou que cos acordos formalizados hoxe o seu departamento dá un paso máis para reforzar a liña de colaboración que mantén desde hai anos coas entidades deste sector, un total de 66 en toda Galicia que suman 8.651 socios.

De feito, a achega de 2.000 euros que recibirán cada unha das 50 entidades colaboradoras de pesca continental que asinaron o convenio súmase á orde de axudas que convoca cada ano a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para apoiar ao sector na execución de accións divulgativas e de vixilancia fluvial.

Cun orzamento para este ano de 50.000 euros, a responsable autonómica explicou que se recibiron 15 solicitudes de axudas e aínda que a convocatoria non está resolta, a previsión é que se poidan atender todas as peticións que cumpran os requisitos.

Tras insistir na importancia de garantir o bo estado dos ríos como espazos naturais claves para a biodiversidade, puxo en valor o papel que desempeñan as sociedades colaboradoras de pesca continental á hora de contribuír á calidade e á sostibilidade dos ríos e as súas contornas a través do fomento dos valores deportivos e ambientais ligados á práctica dunha actividade con moita tradición en Galicia.

Ao respecto, e despois de insistir na necesidade de garantir a remuda xeracional do sector —cunha idade media de entre 50 e 70 anos—, agradeceu tamén o labor de “divulgación” que realizan as entidades no seu día a día, coa organización de accións formativas e divulgativas relacionadas con esta práctica deportiva entre a xente moza que se suman a outras medidas impulsadas pola Xunta, como a exención das taxas das licenzas para os menores de idade que se vén aplicando desde o ano 2021.

Por último, a conselleira defendeu un modelo de pesca sostible en Galicia que se apoie no propio colectivo de pescadores, como elemento clave para avanzar neste camiño, e que conxugue o exercicio da propia actividade pesqueira con accións efectivas por parte das administracións para garantir o coidado e protección dos ecosistemas fluviais.

Comparte este artigo