A Xunta pon en valor a primeira Feira do Benestar da Lama como punto de encontro entre institucións, familias e profesionais

Redacción

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, explicou que este evento é fundamental para dar a coñecer os recursos e servizos de atención de Galicia

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta tarde na primeira Feira do Benestar que organiza o centro Idades do Seixo no concello da Lama. Alí, puxo en valor este evento como un importante punto de encontro entre institucións, familias e profesionais, polo que felicitou á entidade pola iniciativa.

Antón Acevedo explicou que este evento supón achegar á cidadanía todos os recursos e servizos que hai en Galicia para a atención aos maiores. A maiores, recalcou que esta iniciativa pon de relevo o modelo de coidados galego que se centra, precisamente, en facilitar que poidan pasar esta etapa das súas vidas onde e como queiran.

Por iso, o director xeral agradeceu á organización impulsar este evento que contribúe a achegar a todas as persoas que o precisan información de utilidade sobre as opcións que ofrece Galicia para os maiores. Así, indicou que a Xunta pon á súa disposición recursos residenciais, centros de día ou prestacións como o Bono Coidado no Fogar, para aqueles que prefiren vivir nas súas casas. A isto engadiu, a creación por parte do Goberno galego das casas do maior, pensadas para aqueles que viven nas zonas rurais e que o próximo ano contará cunha rede de 800 prazas públicas.

Comparte este artigo