A Xunta e a Academia Galega do Audiovisual colaboran para proxectar as curtas dos premios Mestre Mateo en 26 concellos

Redacción

— O Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade levará as oito pezas finalistas e gañadoras na última edición dos galardóns ata localidades que non contan con salas de exhibición estables


— Na selección figuran os filmes de imaxe ‘Abellón’, ‘Algo novo que contar’, ‘Curmán’, e ‘Adeus, Berta’ e os de animación ‘Lucus’, ‘Nuno’, ‘O mesmo’ e ‘O corpo de Cristo’


— Por terceiro ano consecutivo, as producións forman parte da carteleira deste programa de cinema galego grazas a un acordo entre a Academia Galega do Audiovisual e as administracións central e autonómica

As oito curtametraxes finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo volven percorrer Galicia como parte do Ciclo de Mestre Mateo Galicia Calidade en virtude da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual para contribuír á difusión da produción galega neste formato. Deste xeito, as oito pezas de ficción e animación que chegaron á última fase dos galardóns visitarán este ano 26 concellos galegos combinadas en dúas sesións de catro curtas segundo se trate de obras en imaxe real ou de animación.

A iniciativa, que pasou xa polos municipios de Cea e Vilalba, continuará este mes coas vindeiras proxeccións en Meira (15 de xullo) e Ribadavia (28 de xullo) como parte da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude Para gustos, cultura. Desenvolverase ata o mes de outubro pasando por Arzúa, Betanzos, Boiro, Cedeira, San Sadurniño e Zas, na provincia da Coruña; A Fonsagrada, Foz, Meira, Monterroso, A Pobra do Brollón, Sarria, Taboada e Vilalba, na de Lugo; Allariz, A Arnoia, Cartelle, Celanova, Cea, O Pereiro de Aguiar, Ribadavia e A Veiga, na de Ourense; e A Estrada, Campo Lameiro, Mondariz e Oia, na de Pontevedra. O circuíto busca chegar a concellos localizados fóra das contornas das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais estables.

Imaxe real e animación
O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real da última edición dos devanditos galardóns, con varios títulos que contaron con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o seu desenvolvemento.

Así, no bloque de ficción poderán verse Abellón, drama de Fon Cortizo no que Alex, un home confuso sobre a súa identidade, traballa creando audiodescricións para persoas con discapacidade audiovisual e aprende a percibir o mundo de xeito diferente cando coñece a Lucía, unha muller cega; Algo novo que contar, de Paula Pereira, no que unha moza se enfronta á presión social respecto á súa virxinidade; Curmán, de Alejandro Jato, unha historia centrada na viaxe á aldea dos avós para celebrar a primeira comuñón, onde o protagonista experimenta un proceso de madurez e perda da inocencia; e Adeus, Berta, con dirección de Fernando Tato e guión de Ángela Andrada, que conta o regreso a casa de Alicia para o velorio da súa nai e o reencontro coa súa irmá, ingresada nun centro de rehabilitación.

Os títulos de animación son Lucus, de David Fidalgo Omil, unha curta de fantasía e aventuras na que unha moza loita para evitar a destrución da súa cidade mediante unha trama que mestura acción cunha comedia hilarante e irónica; Nuno, de Nuno Taborda, 2D debuxada a man que narra a viaxe dunha persoa nova para comprender a súa conexión cun tío falecido ao que nunca chegou a coñecer; O mesmo, con dirección de Virginia Curiá e guión de Inés Pintor, peza que aborda a violencia dixital de xénero, e O corpo de Cristo, con dirección e adaptación de guión de Bea Lema, no que a personaxe de Adela busca curar o seu trastorno mental recorrendo á ciencia, á fe e á tradición.

O Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade está financiado en virtude do acordo acadado para esta actividade entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de Cinematografía y das Artes Audiovisuais do Ministerio de Cultura.

Comparte este artigo