- Entre as actuacións subvencionadas, destacan o uso de materiais sostibles e de baixo impacto ambiental, a xestión de residuos, o aforro de auga e enerxía e a accesibilidade
- As achegas outorgadas cobren ata o 50% do importe subvencionable, cun investimento mínimo de 1.500 € e unha axuda máxima de ata 10.000 € por proxecto
A Xunta de Galicia concedeu este ano 14 axudas por un importe global que suma case 90.000 euros —89.062,16 euros, en concreto— co obxectivo de promover a sostibilidade dos chiringuitos localizados na costa galega, favorecendo así a súa transición cara a uns establecementos máis eficientes, accesibles e integrados coa paisaxe.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coa que se lle dá publicidade ás achegas concedidas ao abeiro desta orde, convocada por primeira vez pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a finais do pasado mes de xaneiro.
Cómpre lembrar que con esta nova liña de axudas, a Xunta busca fomentar que os establecementos expendedores de comida e bebida que operan na costa durante a Semana Santa e/ou na tempada de verán empreguen materiais reutilizables, reciclados, de baixo impacto ambiental ou con certificación ecolóxica tanto na instalación de estruturas, solos e paneis, como nos elementos de sombreado e protección solar, ademais do mobiliario.
Así mesmo, tamén son subvencionables as actuacións dirixidas á redución e á correcta xestión dos residuos, así como ao aforro dos consumos enerxéticos e de auga. Por último, os beneficiarios tamén poderán destinar a achega a financiar accións que promovan a accesibilidade universal nas súas instalacións mediante solucións respectuosas coa contorna e a integración paisaxística.
No que atinxe ás contías concedidas este ano, a axuda poderá cubrir ata o 50% do proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima por proxecto de 10.000 euros.

