A Xunta pon en valor o modelo de desenvolvemento sostivle da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra, onde se investiron 5,5 M€ nos últimos cinco anos

Redacción
  • Ángeles Vázquez salienta a importancia deste recoñecemento internacional para un territorio excepcional onde natureza, paisaxe, patrimonio e actividade humana conviven formando unha identidade única que é un dos sinais da Galicia Calidade
  • Nestes anos desenvolveuse unha estratexia organizada en torno a seis grandes ámbitos de actuación: a biodiversidade, a paisaxe, os recursos hídricos, a economía circular, o cambio climático e o apoio aos concellos
  • A conselleira indica que esta figura de protección demostra que é posible crecer sen renunciar á nosa identidade porque permite fortalecer un turismo responsable, apoiar os sectores produtivos ligados ao territorio, crear emprego e fixar poboación
  • Avanza que o Goberno galego seguirá traballando para protexer este patrimonio a través da planificación, o rigor e a colaboración porque a conservación é a mellor garantía para construír un futuro sostible
  • Incide en que estes cinco anos de experiencia reforzan as aspiracións da Comunidade no ámbito da protección e o recoñecemento internacional do patrimonio galego, como é a candidatura da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o modelo de desenvolvemento sostible da Reserva da biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, onde se investiron 5,5 millóns de euros nos últimos cinco anos.

De feito, a conselleira participou hoxe no acto de celebración do quinto aniversario da súa declaración por parte da Unesco, que supuxo un recoñecemento internacional para un territorio excepcional, integrado por máis dunha vintena de concellos e onde natureza, paisaxe, patrimonio e actividade humana conviven formando unha identidade única que é un dos sinais da Galicia Calidade.

Nesa liña, Ángeles Vázquez salientou o traballo desenvolvido nestes anos a través dunha estratexia compartida na que participaron diversos departamentos autonómicos que actuaron de maneira coordinada en seis grandes ámbitos de actuación: a biodiversidade, a paisaxe, os recursos hídricos, a economía circular, o cambio climático e o apoio os concellos.

En concreto, entre as accións máis salientables a conselleira sinalou o esforzo realizado en actuacións de restauración ambiental, na recuperación da continuidade ecolóxica do río Lor ou en labores desenvolvidas en máis de 100 hectáreas de bosques autóctonos e soutos tradicionais. Ademais, a través de Augas de Galicia executáronse grandes actuacións en distintos municipios da Reserva, cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros, para mellorar os sistemas de abastecemento, saneamento e depuración.

Cómpre indicar tamén a aposta por abordar a protección e a xestión da paisaxe desde unha visión única e coherente a través da unificación das áreas de especial interese paisaxístico dos Canóns do Sil e do Miño nunha única área denominada AEIP Ribeira Sacra.

Tal e como explicou a representante autonómica, a xestión dunha Reserva da biosfera require conservar os ecosistemas, protexer a paisaxe, mellorar os recursos naturais, apoiar os concellos e, tamén, “contar coa comunidade científica, implicar ás empresas e, sobre todo, confiar nas persoas que viven no territorio”.

Nese senso, a conselleira fixo especial fincapé na “oportunidade” que supuxo para esta contorna o seu recoñecemento como Reserva da biosfera. En concreto, esta figura de protección permite fortalecer un turismo responsable, apoiar os sectores produtivos ligados ao territorio, crear emprego e fixar poboación, así como para demostrar que “é posible crecer sen renunciar á nosa identidade”, engadiu Ángeles Vázquez.

De cara ao futuro, a titular de Medio Ambiente avanzou que o Goberno galego seguirá traballando para protexer este patrimonio excepcional a través de planificación, rigor e colaboración porque “a conservación é a mellor garantía para construír un futuro sostible”.

De feito, segundo dixo a conselleira, estes cinco anos de experiencia reforzan as aspiracións da Comunidade no ámbito da protección e o recoñecemento internacional do patrimonio galego, como é a candidatura da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco.

“Confiamos en que o traballo realizado nestes cinco anos contribúa a que esa candidatura saia adiante poñendo en valor os avances acadados na conservación da biodiversidade, na recuperación da paisaxe, na protección dos recursos naturais e na boa xestión dun territorio que representa un dos maiores patrimonios naturais, culturais e paisaxísticos de Galicia”, concluíu a conselleira.

Comparte este artigo