Marcos Gómez Román trasladou a vontade da Xunta de manter unha colaboración estreita coa Igrexa compostelá para afrontar os retos organizativos do Xacobeo 2027
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo hoxe un encontro institucional co arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, co obxectivo de reforzar a colaboración entre a Xunta de Galicia e a Igrexa compostelá na preparación do Xacobeo 2027.
A reunión serviu como primeira toma de contacto desde o nomeamento de Marcos Gómez Román como comisario do Xacobeo 2027. Durante o encontro, o comisario trasladoulle ao arcebispo a súa total disposición para traballar de maneira coordinada na organización do vindeiro Ano Santo, unha celebración de especial relevancia para Galicia e para os milleiros de peregrinos que cada ano culminan o Camiño en Santiago de Compostela. No que vai de ano, máis de 273.000 peregrinos recolleron a Compostela tras realizar o Camiño de Santiago, dos que o 64% son de orixe internacional.
Marcos Gómez Román destacou a vontade da Xunta de Galicia de seguir afondando na estreita colaboración que historicamente mantén coa Catedral de Santiago e coa Arquidiocese, unha relación que resulta esencial para afrontar con éxito os retos organizativos e de acollida que supón o Xacobeo 2027.
Ao longo da reunión abordáronse distintos aspectos relacionados coa preparación da cita xacobea, facendo especial fincapé na importancia de continuar mellorando a experiencia dos peregrinos desde a súa chegada á cidade ata a súa visita á Catedral e o seu paso pola Oficina do Peregrino. Neste ámbito, púxose en valor a coordinación fluída e cordial existente entre ambas institucións, que xa permitiu impulsar actuacións destinadas a reforzar a atención, a información, a seguridade e a xestión dos fluxos de visitantes.
Ambas partes coincidiron en manter unha canle de diálogo que permita avanzar nos proxectos compartidos e fortalecer a cooperación institucional, co obxectivo común de garantir o éxito do Xacobeo 2027 e seguir situando Santiago de Compostela como a gran meta espiritual, cultural e patrimonial do Camiño de Santiago.

