Mercedes Rosón presenta unha batería de propostas para reactivar as políticas municipais de vivenda a curto e medio prazo

Redacción

• As concelleiras non adscritas reclaman desbloquear a constitución da empresa pública de vivenda e solo e reforzar a rehabilitación

• A proposición que se debaterá no pleno deste martes reclama actuar contra os pisos turísticos que seguen a operar ilegalmente e elaborar con urxencia un censo de vivenda baleira, comprometido nos orzamentos

Máis vivenda, impulsar a rehabilitación controlar os usos turísticos e dimensionar a realidade da vivenda baleira: son as prioridades que fixa Mercedes Rosón na proposición que as concelleiras non adscritas defenderán no Pleno deste martes co obxectivo de reactivar as políticas municipais de vivenda e responder a unha das principais preocupacións da cidadanía compostelá.

A iniciativa parte da necesidade de complementar as medidas a longo prazo con actuacións inmediatas que permitan incrementar a oferta de vivenda residencial e mellorar o funcionamento do mercado. “A crise da vivenda require menos anuncios e máis xestión. Está ben planificar a longo prazo, pero a urxencia da situación esixe tamén medidas concretas a curto e medio prazo”, sostén a concelleira.

Neste sentido, a primeira das propostas reclama desbloquear a constitución da empresa pública de vivenda e solo, un proceso iniciado no pasado mandato para promover a construción de vivenda protexida, impulsar a rehabilitación e desenvolver os máis de corenta ámbitos de solo urbano non consolidado existentes no municipio. Rosón lembra que a cidade segue beneficiándose hoxe de proxectos impulsados hai máis dunha década e considera necesario recuperar ese mesmo impulso para afrontar a actual crise residencial.

Priorizar os 40 “ocos baleiros” na contorna urbana

A prioridade para Rosón coa recuperación da empresa pública de vivenda e solo pasa por retomar a planificación e o desenvolvemento dos máis de 40 ámbitos de solo urbano non consolidado existentes na contorna da cidade. Trátase de parcelas, soares e “ocos baleiros” que quedaron sen desenvolver durante a expansión urbanística de Santiago e que, ao seu xuízo, representan unha oportunidade para incrementar a oferta de vivenda sen necesidade de seguir consumindo novo territorio.

A segunda das medidas céntrase na rehabilitación, especialmente na Cidade Histórica. As concelleiras non adscritas propoñen procurar novas vías de financiamento para o Consorcio de Santiago e impulsar programas máis ambiciosos que favorezan a recuperación de vivenda e de residentes, despois de que entidades veciñais alertasen do descenso das convocatorias de axudas nos últimos anos. De feito a propia Rosón mantivo xunto a Muíños unha reunión co presidente da asociación de veciños da cidade histórica con este asunto sobre a mesa.

Control sobre os usos e mobilizar o parque de vivenda baleira

A iniciativa das Non Adscritas tamén reclama intensificar o control sobre as vivendas de uso turístico que continúan operando á marxe da normativa municipal. Rosón defende que o Concello debe implicar con maior intensidade os servizos urbanísticos e xurídicos para garantir o cumprimento da regulación aprobada e, se fose necesario, recorrer á vía xudicial para impedir que continúen desenvolvéndose actividades non autorizadas.

Finalmente, a proposición insta ao Goberno local a elaborar con urxencia o censo de vivenda baleira comprometido nos orzamentos municipais, unha ferramenta que permitirá coñecer a dimensión real deste fenómeno e facilitar a aplicación da recarga do IBI prevista para este tipo de inmobles.

“Queremos contribuír con propostas útiles e realistas. Santiago necesita recuperar unha política municipal de vivenda ambiciosa, que combine a promoción de nova vivenda coa rehabilitación, a mobilización da vivenda baleira e a protección do uso residencial fronte a outros usos que reducen a oferta dispoñible”, concluíu Mercedes Rosón.

Comparte este artigo