A Xunta estrea no Porto do Son o seu proxecto piloto de praias inclusivas coa instalación de estrutura climáticas sostibles nos areais

Redacción
  • Ángeles Vázquez sinala que esta iniciativa pretende avanzar na creación de espazos litorais máis accesibles, inclusivos e adaptados á necesidades de toda a cidadanía
  • Estes refuxios inclusivos, que tamén se instalarán en Baiona e Viveiro, intégranse de forma respectuosa na contorna e na paisaxe e están deseñados para ofrecer unha zona de sombra na que refuxiarse en caso de altas temperaturas
  • Caracterízanse por contar con accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeas de rodas e sinalización táctil e visual adaptada

A Xunta puxo en marcha no Porto do Son o seu proxecto piloto de praias inclusivas, que consiste na instalación de estruturas climáticas sostibles nos areais co obxectivo de que sirvan de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en episodios de altas temperaturas.

Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o refuxio inclusivo instalado na praia do Cruceiro, no Concello do Porto do Son, que xunto cos de Baiona e Viveiro, serán os primeiros en poñer en marcha esta novidosa iniciativa este mesmo verán, que conta cun orzamento de 85.000 euros.

Segundo explicou a Ángeles Vázquez, este proxecto ten como finalidade avanzar na creación de espazos litorais “máis accesibles, inclusivos e adaptados á necesidades de toda a cidadanía”. Deste xeito, estas instalacións facilitarán un uso máis seguro e cómodo da praia para as persoas con mobilidade reducida ou con dificultades de desprazamento.

En concreto, estes refuxios inclusivos están deseñados para ofrecer unha zona de sombra na que refuxiarse en caso de altas temperaturas. Ademais, ofrecen accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeas de rodas, sinalización táctil e visual adaptada, zonas de descanso accesibles e elementos que favorecen a orientación e seguridade.

Ademais, a conselleira fixo fincapé en que estas estruturas intégranse de forma respectuosa na paisaxe costeira e responden ao compromiso do Goberno galego de apostar por un desenvolvemento sostible do litoral a través do equilibrio entre a conservación dos seus valores ambientais e o seu uso e desfrute por parte de veciñanza e visitantes.

Ángeles Vázquez incidiu así mesmo en que iniciativas como a estreada no Porto do Son contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos de calidade ambiental e de servizos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que melloran das condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos.

Comparte este artigo