O Concello de Oleiros lembra ás persoas propietarias de parcelas e soares a súa obriga de mantelos en adecuadas condicións de limpeza, hixiene, salubridade e seguridade, co obxectivo de previr riscos, protexer a contorna e garantir unha boa convivencia veciñal.
As persoas propietarias dos inmobles e parcelas teñen o deber de conservalos libres de maleza e en correcto estado de limpeza e ornato público, tal e como establecen a Ordenanza municipal de limpeza e a normativa autonómica vixente. O incumprimento desta obriga pode provocar molestias á veciñanza, favorecer a proliferación de pragas, resultar na invasión da vía pública e incrementar notablemente o risco de incendio durante os meses de maior calor.
O Concello lembra tamén que a responsabilidade sobre os posibles danos ocasionados polo mal estado dunha parcela recae na súa propiedade, polo que resulta fundamental realizar un mantemento periódico destes espazos en beneficio da seguridade de todos e todas.
O incumprimento desta normativa poderá dar lugar á apertura dos correspondentes expedientes e á imposición de sancións coercitivas, que poden oscilar entre os 300 e os 6.000 euros, ademais da execución subsidiaria ou forzosa dos traballos nos casos previstos legalmente.

