O sector turístico galego incrementa a súa rendibilidade case o 7% no primeiro semestre de 2026

Redacción
  • Máis de 2,95 millóns de visitantes fixeron máis de 5,1 millóns de noites nos establecementos de aloxamento da comunidade, segundo os datos feitos públicos hoxe polo INE
  • O mercado internacional supuxo o 37,3% dos turistas totais que visitaron Galicia entre xaneiro e xuño deste ano

Galicia pechou o primeiro semestre de 2026 cunha evolución positiva do seu sector turístico cun incremento dos ingresos hoteleiros do 5,3%, ata alcanzar os 174 millóns de euros, e unha mellora da rendibilidade do 6,8%.

Segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e xuño, os establecementos turísticos galegos recibiron máis de 2,95 millóns de viaxeiros -cifra semellante á rexistrada no mesmo período de 2025- que realizaron máis de 5,1 millóns de noites, un 3,1% máis que no primeiro semestre de 2025. A estadía media medrou tamén un 3,6%, situándose nas 1,7 noites por visitante, o que contribúe a reforzar o impacto económico da actividade turística.

Só no mes de xuño, os establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de Galicia rexistraron máis de 844.000 viaxeiros, un 2% máis que no mesmo mes do ano anterior, que realizaron máis de 1,5 millóns de noites, cun incremento do 5%, confirmando a tendencia positiva da demanda ao inicio da tempada estival.

Por mercados, o internacional que supón o 37,3% do total de visitantes no primeiro semestre, mantivo a súa tendencia de crecemento, cun aumento do 1,9% no número de viaxeiros. Estados Unidos consolidouse como o principal mercado internacional en volume, con 135.777 visitantes e un destacado incremento do 14,9%, seguido de Portugal, con 129.845 viaxeiros (+2,7%). Tamén sobresaíu o forte crecemento de Italia, cun 18,9% máis de visitantes ata os 55.003. Alemaña rexistrou 69.791 viaxeiros (-3,6%), o Reino Unido 45.674 (-12,2%), Francia 34.227 (-5,1%) e os Países Baixos 23.676 visitantes (+1%).

Comparte este artigo