O Concello de Carballo licita a mellora do acceso aos lugares da Igrexa e Casais, na parroquia de Entrecruces

Redacción

A actuación abrangue case 700 metros de vía e permitirá ampliar a calzada ata un mínimo de seis metros, renovar o firme e mellorar a drenaxe e a seguridade viaria

O Concello de Carballo ten en licitación un proxecto para a mellora integral da vía que comunica a estrada provincial DP-1914 cos lugares da Igrexa e Casais, na parroquia de Entrecruces. A actuación conta cun orzamento base de licitación de 103.482,39 euros, IVE incluído, e cun prazo de execución estimado de tres meses. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 18 de agosto.
O proxecto foi redactado no marco da convocatoria de axudas para actuacións en camiños rurais correspondente ao período 2026-2027, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. De acordo coa convocatoria, ao Concello de Carballo correspóndelle unha asignación de 85.525 euros.
A intervención desenvolverase nun tramo continuo de arredor de 685 metros, que conecta a DP-1914 co núcleo da Igrexa e continúa en dirección a Casais, dando tamén acceso a numerosas vivendas, explotacións e parcelas agrícolas.
Na actualidade, a vía presenta unha anchura media duns catro metros, con treitos que oscilan entre os 3,80 e os 4,25 metros, e un firme deteriorado. As gabias tamén presentan acumulación de terra vexetal e maleza, o que dificulta a evacuación da auga e provoca problemas de drenaxe, especialmente durante os períodos de choivas intensas.
Ampliación da calzada e novo firme
A actuación permitirá ampliar a vía ata acadar unha anchura mínima de seis metros. Para iso realizaranse traballos de apertura de caixa, movementos de terras e execución de sobreanchos con macádam e saburra artificial.
Posteriormente estenderase unha nova capa de aglomerado en quente de seis centímetros de espesor sobre toda a superficie da vía. O proxecto inclúe tamén a roza mecanizada das marxes e a reposición dos accesos e peches que poidan verse afectados polos traballos.
Outro dos aspectos principais será a mellora da drenaxe. Executaranse novas cunetas nos treitos nos que sexan necesarias e construiranse cunetas remontables nos accesos ás vivendas e ás parcelas, co obxectivo de evitar a acumulación de auga sobre a plataforma e prolongar a vida útil do novo pavimento.
A obra completarase coa renovación da sinalización horizontal e vertical nas interseccións incluídas no ámbito de actuación.
“Non se trata unicamente de renovar o asfalto, senón de acometer unha actuación integral: ampliar a calzada, mellorar as cunetas e resolver os problemas de drenaxe que presenta actualmente a vía”, sinalou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Pola súa banda, o concelleiro de Contratación e Participación Veciñal, Ramón Varela, destacou que a intervención, ademais de mellorar de xeito significativo a mobilidade e a seguridade das persoas residentes na zona, tamén facilitará o acceso ás explotacións e ás parcelas agrícolas, “e contribuirá, polo tanto, a reforzar os servizos públicos no rural”.
O proxecto tamén prevé a coordinación coa Deputación da Coruña, dado que o inicio da actuación conecta coa estrada provincial DP-1914, así como o retranqueo dos postes e elementos da rede de telefonía que poidan resultar afectados polas obras.

Comparte este artigo