José Crespo e Juan Bayón denuncian o “desprezo” do Goberno de Pedro Sánchez ante o caos e as graves deficiencias do sistema ferroviario que afecta á provincia de Pontevedra

Redacción
  • Os populares,  detallaron as iniciativas parlamentarias presentadas tanto no Congreso como no Senado para esixir solucións inmediatas ante a falta de investimentos, o caos no servizo de proximidade, os prezos abusivos no verán,  e a falta de prevención de incendios.
  • Esixen ao ministro Óscar Puente explicacións pola exclusión de Galicia da migración ao ancho de vía internacional e polas continuas avarías, atrasos e subas de prezos, que chegan a cuadriplicarse.
  • Reclaman a ADIF a execución urxente de desbroces nas marxes das vías para evitar novos incendios forestais tras os graves episodios vividos en Ourense.

O senador José Crespo e o deputado nacional Juan Bayón, compareceron hoxe diante da estación de trens de Pontevedra para denunciar o “desprezo” do Goberno de Pedro Sánchez ante o caos e as graves deficiencias do sistema ferroviario que afecta á provincia de Pontevedra.

Ambos populares detallaron as iniciativas parlamentarias presentadas tanto no Congreso como no Senado para esixir solucións inmediatas ante a falta de investimentos, o caos no servizo de proximidade,os prezos abusivos no verán  e a falta de prevención de incendios.

Os populares sinalaron que Pontevedra, como receptor principal de visitantes no verán, está a sufrir as consecuencias do sistema de prezos dinámicos de RENFE. “Se entramos hoxe na aplicación de RENFE, a maioría de trens están cheos e os poucos billetes que quedan para ir a Madrid rondan os 100 euros”, denunciou Bayón.

Esta falta de prazas e prezos desorbitados débense, en gran medida, á nula competencia ferroviaria en Galicia, provocada pola decisión do Goberno de excluír á comunidade da migración ao ancho de vía internacional.

Galicia, excluída do ancho estándar europeo

 José Crespo censurou o informe remitido polo Goberno central a Bruxelas en xullo de 2026 sobre a migración ao ancho de vía estándar europeo (1.435 mm). Este documento ignora por completo a singularidade de Galicia, onde conviven o ancho ibérico e o internacional na alta velocidade, e descarta o cambio nas vías convencionais do Corredor Atlántico.

“O Goberno de Sánchez volve perpetrar un grave agravio comparativo con Galicia”, adiantou Crespo. “Máis do 80% da nosa rede opera en ancho ibérico. Excluírnos deste plan supón limitar a chegada de novos operadores, frear a competitividade e prexudicar directamente aos usuarios do transporte de viaxeiros e mercadorías”. Ante este “novo desprezo”, anunciaran novas iniciativas lexislativas para esixir os criterios técnicos deste descarte.

Caos nas proximidades: atrasos e prezos máis altos

Pola súa parte, Juan Andrés Bayón centrouse  no “día a día insostible” que sofren os usuarios do tren en Galicia. Bayón denunciou os continuos e sistemáticos atrasos que lles afectan aos trens de media distancia e proximidade, a insuficiencia de frecuencias para cubrir a demanda real e a incomprensible subida dos prezos dos billetes nun momento de clamorosa perda de calidade do servizo. Para Bayón, o Goberno de España “está a estrangular a mobilidade sostible en Galicia mentres mira para outro lado”.

Lembrou o historial recente de colapsos na liña Vigo-Madrid, como o caos do pasado 24 de xuño cun atraso de 500 minutos, ou as graves incidencias por fallos na catenaria os días 2 e 8 de xullo.

 “A falta de mantemento nas vías e no material rodante provoca múltiples fallos”, sinalou, recordando que a provincia de Pontevedra rexistraba en febreiro 18 limitacións de velocidade nas liñas AVE e 17 na rede convencional por mor do mal estado das infraestruturas. Por iso, no mes de xuño os deputados do PP volveron presentar unha pregunta escrita ao Goberno para esixir responsabilidades de cara á campaña estival.

Os populares sinalaronh  o engano do ministro Óscar Puente arredor do estudo  para o despregamento do núcleo de cercanías e trens de proximidade en Galicia. O Ministerio encargou este proxecto en decembro de 2024. O propio ministro Puente comprometeuse no Congreso (o 10 de setembro de 2025) e no Senado (o 2 de decembro de 2025) a que o informe estaría concluído e presentado antes de rematar o ano 2025.

“Estamos en agosto de 2026 e o estudo leva máis de 30 meses en redacción. O ministro Puente incumpriu unha vez máis a súa palabra con Galicia”, recriminou Bayón. Os populares desvelaron que no pasado mes de xuño recibiron unha nova resposta evasiva do Goberno onde se reiteraba que o mapa ferroviario de proximidade “ia estar listo”, pero sen concretar ningunha data. Esta parálise choca coas reiteradas demandas da Xunta de Galicia, que esixe unha rede de proximidade para vertebrar a mobilidade cotiá dos galegos.

O “plantón” de Óscar Puente ás Comunidades

Crespo cualificará tamén de “falta de respecto institucional sen precedentes” a ausencia do ministro de Transportes, Óscar Puente, na Conferencia Sectorial celebrada o pasado 28 de xullo. “Despois de catro anos sen convocarse, o ministro escóndese e non se digna a aparecer no órgano de cooperación autonómica, deixando plantados a todos os gobernos autonómicos e enviando no seu lugar ao secretario de Estado. É unha mostra evidente da súa nula vontade de diálogo”, criticou.

Urxencia en desbroces para previr incendios nas vías

Outro dos eixes centrais da denuncia foi seguridade ambiental. Crespo esixiu a execución urxente e periódica do Plan de prevención contra incendios de ADIF, instando á limpeza e retirada de biomasa nas marxes das vías.

Desde o pasado 22 de xuño, rexistráronse 10 incendios forestais preto das vías na provincia de Ourense. O caso máis grave ocorreu o 13 de xullo, con 8 lumes simultáneos en concellos como Maside ou Amoeiro tras o paso dun tren de mercadorías, o que obrigou a cortar a circulación durante 10 horas.

Existen antecedentes xudiciais que xa condenaron a ADIF e Renfe (como o caso de Boborás en 2015) por mor da acumulación de vexetación seca, ademais dos incidentes e cortes sufridos en agosto de 2025 e xuño de 2026.

Comparte este artigo