A iniciativa ten catro sesións á vista, dúas en outubro e dúas en novembro, para as que é preciso inscribirse previamente vía Whatsapp
A concellería de Medio Ambiente do Concello de Mos, dende o paraugas de CoidaMos, organiza un obradoiro gastronómico da man da chef Coque Fariña, coñecida en redes sociais polo seu Instagram @mi_coquetería
Constará de dúas sesións en outubro, os días 7 e 14, e outras dúas en novembro, con datas aínda por establecer. O curso titúlase ‘Da sobra ao sabor’ e, segundo describe a edil responsable do departamento de Medio Ambiente, Laura Méndez Senlle, “ten como obxectivo a redución do desperdicio alimentario, que é moito maior do que podemos crer, e minimizándoo, facemos unha importante contribución á sostibilidade, a nivel local e mundial”.
Tratarase dun showcooking participativo de dúas horas de duración, con demostración en directo e degustación posterior.
Dado que a iniciativa ten un aforo máximo de 20 persoas, cómpre inscribirse previamente por Whatsapp no teléfono 639 300 974 para a sesión do 7 de outubro ás 18h no Pazo de Mos.
As receitas que se elaborarán en sendos encontros serán catro: unhas samosas crocantes de polo, para aproveitar as sobras de polo guisado mediante un bocado cun toque especiado no que dar unha segunda vida ao guiso de polo; un curry exprés de garabanzos e mexilóns, co que aproveitar as sobras de conservas de ambos produtos mediante un prato mariñeiro que fusiona sabores de terra e mar; uns arancini (croquetas sicilianas) de arroz con verduras sobrante, con textura crocante por fóra e melosa por dentro; e un pudin de repostería tradicional, co que aproveitar as magdalenas, sobaos e croissants que quedan resecos na despensa (trátase dunha sobremesa clásica e cremosa, moi útil para non desperdiciar a bolaría e pan endurecidos).

