Con esta normativa pretende rematar coa problemática de estacionamento destes vehículos en lugares non aptos e fomentar o turismo de calidade
O Concello de Outes aprobará unha nova ordenanza de estacionamento e acampada de vehículos camperizados e autocaravanas, para atallar así a ocupación incontrolada de espazos públicos. Sempre tendo en conta a opinión da veciñanza, o Concello somete a consulta pública previa esta norma para que os cidadáns, organización e asociacións que así o desexen poidan facer chegar as súas opinión sobre os aspectos expostos durante un prazo de 10 días naturais, para logo con esas achegas elaborar a ordenanza municipal
ASPECTOS PARA REGULAR
Entre os problemas que se xeran con este tipo de vehículos, a ordenanza pretende poñer o foco no establecementos de normas de estacionamento prolongado e rotación de vehículos nos aparcadoiros públicos, establecendo normas para a dispoñibilidade de estacionamento para residentes e visitantes. Tamén se fixarán limitacións temporais para garantir a rotación, o acceso aos equipamentos públicos,a protección ambiental, a seguridade viaria, o interese turístico e a convivencia cidadá. Propoñeranse zonas de especial regulación e normas de utilización dos espazos públicos, incluíndo obrigas das persoas usuarias, condutas prohibidas,prohibición de vertidos así como a protección contra o ruído e a protección ambiental,establecendo un réxime sancionador axustado ás determinacións e obrigas contidas na ordenanza.

