Tres especialistas en Dereito Penal analizarán este xoves en Carballo a violencia vicaria e a súa regulación legal

Redacción

• O maxistrado Carlos Suárez-Mira Rodríguez e as profesoras da Universidade da Coruña Eva María Souto García e María Ángeles Fuentes Loureiro abordarán a lexislación, a xurisprudencia e o maltrato animal vicario

• A xornada, organizada polo Concello coa colaboración da UDC, celebrarase o 26 de novembro, ás 18.00 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, con entrada libre e gratuíta

O Concello de Carballo reunirá este xoves 26 de novembro a tres especialistas en Dereito Penal nunha xornada dedicada a analizar a violencia vicaria desde a perspectiva xurídica, con especial atención á súa regulación legal, á aplicación práctica da lexislación e á utilización dos animais de compañía como instrumentos de violencia contra as mulleres.

A actividade, titulada A violencia vicaria como forma de violencia de xénero: unha ollada á súa regulación legal, celebrarase ás 18.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, coa colaboración da Universidade da Coruña. A entrada será libre e de balde.

Esta iniciativa constitúe un dos actos centrais da programación municipal arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano está dedicada á violencia vicaria baixo o lema Non son armas.

A xornada permitirá achegar á cidadanía o coñecemento de tres profesionais con amplas traxectorias académicas e xurídicas, dous deles naturais de Carballo, e afondar nunha das formas de violencia machista que o Concello quere contribuír a identificar e visibilizar.

Eva María Souto García
A encargada de abrir a xornada será a carballesa Eva María Souto García, profesora titular de Dereito Penal da Universidade da Coruña e coordinadora desta segunda edición da actividade.

Doutora en Dereito pola UDC, desenvolve a súa actividade docente e investigadora no ámbito das ciencias penais. Forma parte do grupo de investigación en Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI, que inclúe entre as súas liñas de traballo as relacións entre xénero e Dereito Penal e a protección das persoas menores de idade.

Souto García participou tamén na primeira edición desta xornada, celebrada en Carballo en 2025, na que se abordou a violencia dixital no contexto da violencia de xénero.

Nesta ocasión ofrecerá o relatorio A violencia vicaria en contextos de violencia de xénero: marco conceptual e regulación legal en España, no que analizará as características desta forma de violencia machista e o seu tratamento no ordenamento xurídico español.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez
A segunda intervención correrá a cargo do tamén carballés Carlos Suárez-Mira Rodríguez, maxistrado da Sección do Penal do Tribunal de Instancia da Coruña, Praza número 3, cunha ampla traxectoria no ámbito xudicial, académico e da formación xurídica.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor pola Universidade de Vigo, desenvolveu unha intensa actividade docente desde 1992. Foi profesor de Dereito Penal na Universidade de Valencia e profesor titular desta materia nas universidades de Vigo e da Coruña.

É autor de numerosos traballos e publicacións especializadas, entre eles estudos sobre os delitos de agresións sexuais, a imputabilidade e diferentes ámbitos do Dereito Penal. Na súa traxectoria profesional tamén figura a dirección do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, cargo para o que foi nomeado en 2005.

Ademais, exerceu no Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol, que tiña atribuídas competencias en materia de violencia sobre a muller.

Na xornada deste xoves ofrecerá o relatorio A violencia vicaria en contextos de violencia de xénero: unha aproximación xurídico-penal desde a lexislación, a xurisprudencia e a práctica.

A súa participación permitirá incorporar á análise a experiencia da aplicación práctica das normas penais, así como as dificultades e os desafíos que poden presentarse na resposta xudicial ante estas condutas.

María Ángeles Fuentes Loureiro
A terceira intervención estará protagonizada por María Ángeles Fuentes Loureiro, profesora permanente laboral de Dereito Penal da Universidade da Coruña, cunha destacada actividade investigadora sobre a protección penal dos animais e a relación entre o maltrato animal e outras formas de violencia.
Entre os seus traballos figura o estudo El maltrato animal como instrumento violento en contextos de violencia de género y doméstica, publicado en 2023 na Revista Catalana de Dret Ambiental, no que analiza o tratamento penal destas condutas a partir das modificacións introducidas no Código Penal.

A investigadora tamén publicou traballos sobre as penas aplicables aos delitos de maltrato e abandono animal e participou en actividades académicas e formativas relacionadas coa protección xurídica dos animais e a violencia de xénero.

O seu relatorio, O maltrato animal vicario en contextos de violencia de xénero, centrarase precisamente na utilización dos animais de compañía para ameazar, intimidar, controlar ou causar sufrimento ás mulleres.

Esta cuestión ocupa un lugar destacado na campaña municipal deste ano, que pretende ampliar a sensibilización sobre a violencia vicaria e contribuír a identificar as diferentes formas nas que os agresores poden utilizar os vínculos afectivos para exercer violencia machista.

Coñecemento e sensibilización para combater a violencia
A xornada rematará cunha quenda de preguntas aberta ás persoas asistentes, que permitirá ampliar os contidos dos relatorios e favorecer o intercambio de reflexións, e un aperitivo para que as persoas asistentes poidan continuar a conversa.

Por segundo ano consecutivo, o Concello de Carballo conta coa colaboración da Universidade da Coruña para organizar unha actividade que busca achegar o coñecemento académico e xurídico á cidadanía e contribuír á identificación e prevención das distintas manifestacións da violencia de xénero.

Comparte este artigo