• Pepa Pardo critica que o alcalde non acudise á reunión de Augas de Galicia cos municipios do Lérez: “Tan pouco lle importa a auga de Pontevedra?”
• “Mentres se pide responsabilidade aos veciños, o Concello mantén fontes e seguiu regando espazos públicos”
A portavoz municipal do PP de Pontevedra, Pepa Pardo, acusou a Miguel Anxo Fernández Lores de “desprezar a situación de alerta por seca” despois de que o alcalde non acudise á reunión mantida por Augas de Galicia cos municipios do sistema do Lérez, á que Pontevedra estivo representada por Eva Villaverde.
“Onte quedou patente canto lle importa a Lores a alerta por seca: moi pouco. Mentres outros alcaldes acoden a unha reunión para falar de algo tan importante como garantir o abastecemento, el decide non ir”, denunciou Pardo.
A portavoz popular considera especialmente grave a ausencia do alcalde “cando o caudal do Lérez segue baixando e o propio Concello xa contempla recorrer ao Pontillón do Castro se non chove”.
Pardo lembrou ademais que esta mesma semana o PP denunciou que seguían funcionando fontes ornamentais, realizáranse labores de rega e tamén baldeo das rúas, mentres os veciños reciben instrucións para reducir o seu consumo.
“Aos veciños pídeselles que non enchan piscinas, que non reguen, que non laven os coches e que aforren cada gota. Os veciños están a cumprir. Que responsabilidade está a asumir o Concello?”, cuestionou.
A edil popular reclamou a Lores “coherencia, responsabilidade e que dea exemplo”.
“Levamos semanas en prealerta. Non vale agora dicir que a situación é preocupante nin buscar culpables fose. Había tempo para prepararse e aplicar as medidas. A auga é demasiado importante como para que o alcalde mire cara a outro lado”, concluíu.

