A iniciativa “8M, mes a mes”, impulsada pola Área de Igualdade que dirixe Teresa Barge, pon o foco este mes nas mulleres que traballan nun sector esencial para a economía e o emprego de Valdeorras
Aquilina Prieto traballou durante oito anos directamente na lousa e outros vinte nunha canteira, unha traxectoria coa que reivindica a independencia económica das mulleres e recoñece a dureza dun traballo que avanzou notablemente coa mecanización
A Deputación de Ourense dedica o mes de setembro da iniciativa “8M, mes a mes” ás mulleres que traballan no sector da lousa, unha actividade estreitamente vinculada á economía, ao emprego e á propia identidade de Valdeorras. A protagonista elixida nesta ocasión é Aquilina Prieto Robleda, veciña de Carballeda de Valdeorras e cunha longa traxectoria laboral ligada ao sector.
A iniciativa, promovida pola Área de Igualdade da Deputación de Ourense, que dirixe a deputada provincial Teresa Barge, continúa así o seu percorrido ao longo de todo o ano para dar visibilidade ás mulleres da provincia desde diferentes ámbitos profesionais, sociais e persoais, estendendo a reivindicación da igualdade máis alá da celebración do 8 de marzo.
Aquilina Prieto naceu en Ourense, aínda que as súas raíces familiares están en Carballeda de Valdeorras, onde reside. A súa incorporación ao sector produciuse de maneira natural nun territorio no que a lousa constituía unha das principais oportunidades laborais. “Ao non estudar, o natural era traballar na pizarra”, lembra.
Durante oito anos traballou directamente na lousa e posteriormente permaneceu outros vinte anos vinculada a unha canteira como cociñeira, encargándose de preparar as comidas para os traballadores, un servizo que facilitaba o día a día das persoas empregadas nas explotacións.
A súa historia é tamén a de numerosas mulleres de Valdeorras que atoparon na lousa unha oportunidade para incorporarse ao mercado laboral, obter ingresos propios e gañar autonomía. Aquilina destaca precisamente a importancia que tivo e segue tendo o sector para favorecer a independencia económica das mulleres.
Na actualidade, arredor do 25 % das persoas que traballan no sector son mulleres, unha presenza que evidencia o papel feminino nunha actividade tradicionalmente asociada aos homes e na que as condicións de traballo tamén experimentaron unha importante evolución.
Un traballo duro que evolucionou coa mecanización
Aquilina non oculta a esixencia física da actividade. “É duro”, resume ao falar do traballo na lousa, aínda que recoñece que a progresiva mecanización dos procesos permitiu reducir considerablemente esa dureza durante os últimos anos.
Entre os aspectos máis positivos da súa experiencia, destaca especialmente a dimensión humana: o contacto cos compañeiros e compañeiras e o trato coa xente, relacións construídas ao longo de décadas de traballo e convivencia arredor das canteiras.
A súa experiencia levouna tamén a insistir ás xeracións máis novas na importancia da formación. “Sempre as animei a que estudaran para que non tiveran esa única alternativa”, explica. Ese é tamén o principal consello que Aquilina trasladaría hoxe ás mulleres máis novas: “Se poden estudar, que o fagan, porque a pizarra é un traballo moi duro”. Unha reflexión que acompaña, con todo, dun profundo recoñecemento á importancia dunha actividade da que dependen numerosas familias e boa parte da economía da comarca: “É do que vivimos, é o que nos dá sustento en Valdeorras”.
Para a deputada de Igualdade, Teresa Barge, a historia de Aquilina permite “recoñecer a todas esas mulleres que durante décadas contribuíron co seu traballo ao desenvolvemento económico de Valdeorras e que conquistaron, a través do emprego, maiores cotas de autonomía e independencia”.
Barge destaca ademais que “falar de igualdade tamén significa facer visibles ás mulleres nos sectores produtivos que sosteñen o noso territorio, recoñecendo tanto o camiño percorrido como os avances que aínda debemos seguir impulsando”.
Con esta nova entrega, “8M, mes a mes” continúa recuperando e difundindo historias de mulleres da provincia para reivindicar que a igualdade e o recoñecemento da súa contribución á sociedade deben estar presentes durante os doce meses do ano.

