O Concello inicia as obras de restauración integral da pasarela de Outariz cun proxecto de 1,6 millóns de euros

Redacción

O alcalde asistiu ao inicio dos traballos, financiados polo Concello  cunha achega de 9.000 euros da Deputación

Inclúen a limpeza da estrutura, pintado e instalación de  iluminación LED

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron esta mañá ao inicio das obras de restauración da pasarela de Outariz, unha infraestrutura clave que conecta a estrada de Alongos co circuíto termal e o paseo peonil da marxe dereita do Miño. Os traballos serán executados pola empresa ourensá Misturas Obras e Proxectos, S.A., e teñen un prazo de execución de 10 meses. A actuación, cun orzamento de 1.646.952,04 euros, será financiada principalmente polo Concello cunha achega de 9.000 euros da Deputación Provincial no marco do programa de cooperación municipal (2025-2026).

O rexedor destacou a importancia desta intervención: “Imos facer unha grandísima obra porque é a restauración global da pasarela que a pide a berros. Non é simplemente pintar nin quitar os grafitis, senón moitísimo máis”. De feito, explicou que o orzamento de 1,6 millóns de euros, aínda que pareza elevado, é “moi axustado a mercado”, motivo polo que só se presentaron dúas empresas á licitación.

Intervención

O paso do tempo e a proximidade ao río provocaron a deterioración desta ponte peonil de 200 metros de lonxitude, cun pilar intermedio e dous arcos de 90 atirantados, segundo explicou o concelleiro Francisco Lorenzo. A maior complexidade da obra, detallou, “vén sobre todo polos requisitos que a Confederación Hidrográfica pon para que estes traballos non afecten en absoluto ao río, co cal o sistema de andamiaxe é moi complexo e a maior parte da partida económica”.

O proxecto inclúe a limpeza completo da estrutura, o pintado e o cambio total da iluminación a LED. Lorenzo avanzou ademais que o Concello licitará proximamente de novo a restauración da pasarela do Vao.

Comparte este artigo