A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, xunto ao director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presentou hoxe na Casa de Galicia en Madrid a 20ª edición do Outono Gastronómico de Turismo Rural, unha iniciativa que combina enogastronomía e turismo rural a través de diferentes paquetes turísticos. Nesta edición participan 71 establecementos —19 na Coruña, 20 en Lugo, 14 en Ourense e 18 en Pontevedra—, con propostas que inclúen o menús gastronómicos, paquetes dunha noite ou de fin de semana e a modalidade Outono Plus, que incorpora actividades deportivas ou visitas a adegas.
Durante a presentación en Madrid, un dos principais mercados emisores de visitantes e peregrinos para Galicia, Carmen Pita fixo balance dos 20 anos de traxectoria do programa, que desde a súa creación en 2007 chegou a arredor de 110.000 persoas e xerou máis de 7,3 millóns de euros de ingresos para o sector. A directora de Promoción destacou o alto valor engadido do turismo rural, cun gasto medio de 92,3 euros por persoa e día, fronte aos 65,9 euros da media nacional, e subliñou a “contribución da iniciativa á desestacionalización da oferta turística e á súa distribución polo territorio”, dous factores que, segundo sinalou, “favorecen un turismo sostible, singular e de calidade”.

