– Varios treitos da autovía están sen peche perimetral, pola rotura do anteriormente existente.
– Esta falta de malla metálica de protección expón ás persoas usuarias ao risco de accidentes por invasión de fauna e obxectos na calzada.
– O BNG esixe ao Ministerio de Transportes a reposición urxente do valado para evitar sinistros
O Bloque Nacionalista de Culleredo alerta sobre a grave situación de inseguridade viaria que se está a dar na autovía de entrada á cidade entre A Garrocha e os túneis do colexio Rías Altas, pola ausencia en varias zonas de malla de protección.
A día de hoxe, a malla de protección perimetral, atópase rota ou totalmente ausente en varios treitos da autovía, cando é un elemento esencial de seguridade.
A AC14 soporta unha alta densidade de tráfico, ao ser un dos principais accesos á cidade da Coruña e ao seu aeroporto. A ausencia da barreira supón un risco directo, pola proximidade a masas forestais e de que diversa fauna salvaxe invada os carrís de circulación. Existe un grave risco de atropelos de animais e de manobras evasivas de emerxencia que deriven en accidentes de gran magnitude.
Para o voceiro do BNG en Culleredo, Tono Chouciño, “é urxente a reposición integral do valado protector, e a restitución dos estándares mínimos de seguridade que unha vía das características da AC14 require. O Ministerio de Transportes e a Demarcación de Estradas deben actuar de xeito inmediato”.

