Redacción
Inauguración das I Xornadas de humanización do proceso perioperatorio no auditorio municipal de Ourense. Asisiten Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de Ourense), Gonzalo Pérez Jacome (Alcalde de Ournense), Luis Ángel León Mateos (Xerente do servizo galego de saude), josefa Rodríguez Araujo (Directora de enfermería de Ourense) e Alba Alonso González (Comité organizador)

Luis Menor destaca a importancia de situar as persoas no centro da atención sanitaria nas I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio

O presidente da Deputación de Ourense puxo en valor o papel dos profesionais de Enfermaría e a importancia de combinar a excelencia científica cunha atención próxima, empática e humana

Ourense, 17 de novembro de 2026.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración das I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio, celebradas no Auditorio Municipal de Ourense e impulsadas por profesionais de Enfermaría da área cirúrxica do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Durante a súa intervención, Menor destacou que «a excelencia sanitaria non se mide só pola capacidade de curar, senón tamén pola maneira de coidar», reivindicando a importancia de ofrecer aos pacientes unha atención baseada na proximidade, na empatía e no respecto á súa dignidade.

O presidente provincial puxo especialmente en valor o labor dos profesionais de Enfermaría, aos que recoñeceu como “un exemplo de vocación de servizo, coñecemento científico e compromiso co benestar das persoas”.

Así mesmo, felicitou aos organizadores por promover desde Ourense un encontro que nace da investigación sanitaria e que busca mellorar a experiencia dos pacientes antes, durante e despois dunha intervención cirúrxica.

Menor salientou que a humanización dos coidados conecta tamén co compromiso da Deputación co benestar, a lonxevidade e a calidade de vida, especialmente nunha provincia marcada polo envellecemento e a dispersión territorial.

“Para un profesional sanitario, entrar nun quirófano pode formar parte da súa rutina. Para un paciente, pode ser un dos momentos máis importantes e difíciles da súa vida. Humanizar é non esquecer nunca esa diferenza”, concluíu.

Comparte este artigo