- Coa esta ampliación, o polígono industrial contará con preto de 832.000 metros cadrados, o que incrementa nun 38 % a súa superficie actual
- Xestur seleccionou a proposta da empresa TPF Getinsa Euroestudios
- O Goberno galego cumpre así o seu compromiso de axilizar os prazos para que o solo empresarial poida estar dispoñible ao longo do ano 2028
- Nos vindeiros anos, a Administración autonómica porá a disposición das empresas case 3 millóns de m2 de solo industrial na provincia de Ourense
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2026.- A Xunta de Galicia avanza na ampliación da Fase III do parque empresarial do Pereiro de Aguiar en Ourense coa adxudicación á empresa TPF Getinsa Euroestudios da redacción do proxecto para a expropiación dos terreos do polígono, que contará con preto de 832.000 m2 de superficie.
O contrato ten un prazo de execución de 18 meses e inclúe a redacción do proxecto e toda a tramitación necesaria para a adquisición das fincas. Con esta adxudicación, o Goberno galego, a través de Xestur -Sociedade de Xestión do Solo de Galicia- cumpre o seu compromiso de axilizar os prazos para que o solo empresarial poida estar dispoñible ao longo do ano 2028. Deste xeito, o polígono ourensán sumará case 231.000 m2 á súa superficie actual, o que supón un incremento do 38 % sobre o existente.
A ampliación do parque, que conta cun orzamento de 19,8 millóns de euros, enmárcase na estratexia da Xunta de crear un tecido empresarial forte e competitivo, dotándoo de máis solo empresarial e coa base nun modelo de desenvolvemento industrial ordenado, eficiente e respectuoso co medio ambiente, que atraia investimentos, favoreza a creación de emprego e garanta o equilibrio territorial.
Case 3 millóns de m2 de solo empresarial na provincia de Ourense
Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta por aumentar o solo empresarial dispoñible en Galicia. No caso da provincia de Ourense, o Executivo autonómico ten en marcha diversas actuacións que permitirán crear máis de 2,8 millóns de m2 de superficie industrial cun investimento superior aos 126 millóns de euros ata o ano 2030.
Ademais, xa están rematadas as obras de ampliación do parque empresarial de Xinzo de Limia; e as obras de urbanización da ampliación do parque de San Cibrao das Viñas están a piques de comezar. Por outra banda, tamén se continúa traballando na tramitación dos Peose (Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial) dos parques empresariais de O Carballiño-Maside e Paderne de Allariz.

