A Xunta aposta por combinar o aproveitamento das novas materias primas críticas cos recursos minerais tradicionais como A Lousa

Redacción
  • O director xeral de Planificación Enerxética e MInas, Pablo Fernández Vila, participou no acto de inauguración das novas instalacións de Cafersa en Carballeda de Valdeorras 
  • Destaca que Galicia é unha “referencia mundial” na industria da lousa e para o Goberno galego segue sendo unha “actividade esencial, tanto polo seu impacto económico como polo seu peso social e territorial”

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que “a aposta da Xunta polas novas materias primas críticas non diminúe nin substitúe a importancia dos recursos naturais tradicionais como a lousa”. Así o apuntou no acto de inauguración da nova fábrica de elaboración de lousa da empresa Cafersa en Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Fernández Vila, que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, incidiu en que “a lousa galega continúa sendo unha referencia mundial e para a Xunta segue sendo unha actividade esencial, tanto polo seu impacto económico como polo seu peso social e territorial”.

“Forma parte da identidade industrial de Galicia e, particularmente, da identidade da comarca de Valdeorras”, salientou. Nesta liña, puxo en valor o sector galego da lousa “que leva décadas xerando riqueza, emprego de calidade, coñecemento técnico e proxección internacional”.

Atraer talento como chave da competitividade

O director xeral apuntou que o futuro do sector dependerá en gran medida da capacidade para atraer talento, incorporar coñecemento, cualificación e innovación aos seus procesos produtivos e lembra que o Goberno galego, consciente desta realidade, mantén o seu apoio ás empresas que apostan pola modernización cunha liña de axudas destinada a favorecer a competitividade do sector.

Finalmente, Fernández Vila agradeceu a todos os empresarios, directivos e traballadores o seu esforzo “que fai posible que a lousa galega siga ocupando unha posición de liderado no mundo”. Por engadido, felicitou a todo o equipo de Cafersa, referente no sector mineiro, por este novo fito que contribuirá a fortalecer a industria extractiva e transformadora galega e a fixar poboación no rural.

Comparte este artigo