A Xunta recibe o dobre recoñecemento de FITUR como premio á súa aposta pola promoción dun turismo sostible e de calidade

Redacción
  • O director de Turismo de Galicia recibiu os premios ao Mellor Stand na categoría de Comunidades Autónomas e ao Mellor Stand Sostible acadados coa proposta de  Galicia na última edición de FITUR
  • Galicia converteuse na primeira comunidade autónoma en conseguir estes dous premios nunha mesma edición

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe no acto de entrega dos Premios Fitur 2026, no que o stand de Galicia foi recoñecido con dous galardóns: o Premio ao Mellor Stand, na categoría de comunidades autónomas, e o Premio ao Mellor Stand Sostible.

Galicia convértese así na primeira comunidade autónoma en acadar ambos recoñecementos nunha mesma edición, poñendo en valor a aposta de Turismo de Galicia pola innovación, a sustentabilidade e a promoción do destino. O stand de Galicia, que ocupou unha superficie de 1.138,5 metros cadrados, un 14% máis que na edición anterior, presentouse baixo a marca Galicia Calidade, como símbolo da excelencia que caracteriza o destino galego, e incorporou tamén a promoción do Xacobeo 2027 como gran acontecemento internacional.

O deseño do espazo apostou por unha proposta envolvente e inmersiva, destinada a favorecer a interacción dos visitantes cos principais valores turísticos de Galicia, como a autenticidade, a sustentabilidade, a natureza, a enogastronomía ou a cultura.

O xurado do Premio ao Mellor Stand valorou a adecuación do espazo á estratexia comercial, así como a súa orixinalidade e innovación. O Premio ao Mellor Stand Sostible recoñeceu, pola súa banda, o compromiso de Turismo de Galicia coa innovación e a defensa do medio ambiente, destacando o emprego de materiais reciclados.

A sustentabilidade estivo tamén presente nas actividades desenvolvidas no espazo, coa promoción de produtos enogastronómicos de proximidade amparados por selos de garantía, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, contribuíndo á visibilidade das pequenas e medianas empresas galegas.

Ademais, o stand incorporou medidas para favorecer a accesibilidade e informadores con coñecementos da lingua galega, xunto coa posta en valor da música, a danza e outras manifestacións da cultura de Galicia.

Unha promoción turística centrada na calidade

A participación de Galicia en Fitur 2026 forma parte do Plan de Promoción de Turismo de Galicia 2026. O plan contempla máis de 150 accións promocionais en arredor de 20 mercados e a participación en máis de 30 feiras estratéxicas, nacionais e internacionais, do sector.

Os dous galardóns recibidos en Fitur 2026 poñen en valor a aposta da Xunta por unha promoción turística baseada na calidade, a innovación, a sustentabilidade e a posta en valor dos recursos propios, nun ano marcado pola preparación do Xacobeo 2027.

Comparte este artigo