- – Substituíndo ás tradicionais chamadas telefónicas e correo postal, a medida entrará en vigor tanto para citacións nos hospitais do CHUP pontevedrés coma para a Casa do Mar de Mollabao e para o Hospital do Salnés
- – Os usuarios da Área Sanitaria poderán xestionar desde mañá a información das súas citas e incluso efectuar anulacións das mesmas desde os propios SMS no seu teléfono ou a través da aplicación SERGAS Móbil
- – Modernízase a comunicación cos doentes, pregando un uso responsable do Sistema Sanitario Público
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés activará mañá, xoves 1 de outubro, un sistema de aviso por SMS telefónico para informar á cidadanía sobre a xestión das súas citas de consultas e probas médicas de atención especializada. Esta canle de notificación aplicaráse tanto para citas nos dous hospitais do CHUP pontevedrés, coma para o centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao e para o Hospital Público de O Salnés, substituíndo ás tradicionais chamadas telefónicas e correo postal.
A Área Sanitaria lembra que esta notificación vía SMS incluirá a data, hora, especialidade e centro asistencial da cita e compleméntase co servizo habitual de recordatorio que a Consellería de Sanidade envía 48 horas antes de cada consulta, que se manterá operativo como ata o de agora. Os usuarios da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés poderán xestionar a información das súas citas e incluso efectuar anulacións das mesmas desde os propios SMS no seu teléfono ou a través da aplicación SERGAS Móbil.
Verificación de datos
Para garantir a correcta recepción destas notificacións, a Área Sanitaria lembra á poboación a importancia de comprobar que o seu número de teléfono móbil rexistrado no SERGAS estea actualizado.
Os usuarios poden verificar ou modificar os seus datos de contacto tanto nas unidades de Atención ao Paciente coma nos servizos de Admisión dos hospitais públicos dos distritos sanitarios de Pontevedra e de O Salnés así coma nos centros de saúde.
Uso responsable do Sistema Sanitario
Neste senso, a Área Sanitaria reitera á poboación de Pontevedra e O Salnés o prego dun uso responsable do Sistema Sanitario Público, instando a aqueles usuarios que non vaian a acudir a unha cita o notifiquen con suficiente marxe de tempo a través do número telefónico de contacto que se lles adxunta en cada SMS recibido. Dita anulación liberará o oco asistencial, que poderá aproveitar outro paciente que o precise, optimizando así o rendemento dos recursos asistenciais e reducindo tempos de espera.

