A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemorou o Día Nacional da Artrite iluminando en cor verde as fachadas dos seus hospitais

Redacción
  • –      Os centros hospitalarios Provincial de Pontevedra e O Salnés en Vilagarcía de Arousa ºsumáronse á iniciativa Luce pola artrite, encadrada na campaña de sensibilización Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite
  • –      A acción desenvolveuse en colaboración coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra -ASEARPO- e a coordinadora nacional ConArtritis para visibilizar estas doenzas reumatolóxicas

Con motivo da celebración do Día Nacional da Artrite, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conmemorou esta cita iluminando na noite de onte en cor verde as fachadas do Hospital Provincial de Pontevedra e do Hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa.

Dita iniciativa enmarcouse nas campañas que se desenvolven anualmente organizadas pola Coordinadora Nacional de Artrite -ConArtritis- en colaboración coa Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra -ASEARPO-.

En concreto, a iluminación das fachadas dos centros hospitalarios pontevedrés e arousán formou parte da acción Luce pola artrite, unha proposta integrada no programa de concienciación Outubro, mes da artrite e a espondiloartrite que mobilizou a diferentes institucións e espazos emblemáticos de toda Galicia para dar visibilidade a estas patoloxías crónicas.

A integración do nivel básico de atención, que garante a continuidade da asistencia ao longo da vida dos pacientes —xunto cos servizos dos centros hospitalarios, para aqueles casos que revisten máis complexidade e necesitan maior capacidade resolutiva— é clave para dar unha resposta idónea á poboación con doenzas reumatolóxicas de Pontevedra e O Salnés.

Compromiso social e asistencial

Co xesto simbólico de tinguir de verde as fachadas do Hospital Provincial e do Hospital do Salnés, a Área Sanitaria reafirmou o seu compromiso social e asistencial na divulgación, diagnose precoz e abordaxe integral das enfermidades reumatolóxicas ao lado dos colectivos de pacientes.

Comparte este artigo