Ana González Abelleira denuncia que Candia «ten máis promesas ca recursos» e inventa un desequilibrio económico para ocultar a súa mala xestión

Redacción

A edila socialista lembra que os informes técnicos avalan a situación saneada que deixou o anterior goberno, con 14,5 millóns de resultado orzamentario positivo e 19,8 millóns de liquidez bancaria

O PSOE cifra en preto de catro millóns de euros os aforros municipais comprometidos polo PP en poucos meses e alerta do aumento da débeda, dos xuros e das facturas pendentes

González Abelleira advirte de que anunciar bonificacións fiscais e compromisos de gasto sen explicar como se van financiar pode comprometer a estabilidade das contas e a prestación dos servizos públicos

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Ana González Abelleira denunciou que o Goberno de Elena Candia está intentando instalar un relato de desequilibrio económico no Concello de Lugo que, ao seu xuízo, non se corresponde cos datos oficiais nin cos informes técnicos. «Candia ten máis promesas ca recursos para cumprilas e agora pretende preparar o terreo para xustificar os seus incumprimentos culpando ao goberno anterior», afirmou.
A edila subliñou que a Conta Xeral de 2025 e os datos de Intervención e Tesourería avalan a situación económica que deixou o anterior executivo municipal. A liquidación reflectía un resultado orzamentario axustado positivo de 14,5 millóns de euros, un remanente de tesourería de 17,4 millóns —que acadaba os 23,3 millóns tras os axustes correspondentes— e 19,8 millóns de euros de liquidez bancaria. Ademais, cumpríanse os obxectivos de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.
«Non recibiron un Concello en ruína. Compraron a través dunha tránsfuga un Concello con aforros, liquidez e capacidade financeira. Os datos oficiais están aí e non se poden borrar cunha campaña de propaganda», asegurou González Abelleira. «O que non pode facer o PP é confundir deliberadamente á cidadanía para presentar como unha crise herdada o que debe explicar a súa propia xestión».
A concelleira considera especialmente preocupante que, mentres o Goberno municipal insiste nun suposto desequilibrio, comprometeu en poucos meses preto de catro millóns de euros dos remanentes municipais en gastos de propaganda, imaxe, festas e outros compromisos que, segundo denuncia, non responden a unha planificación financeira sostible.
«En poucos meses, Candia comprometeu case catro millóns dos aforros de todos os lucenses. Os recursos que deberían servir para mellorar a cidade e atender as necesidades da veciñanza non poden converterse nunha caixa para financiar anuncios, actos e compromisos políticos», advertiu.
González Abelleira sinalou que a preocupación non se limita ao uso dos remanentes. As previsións recollidas no documento socialista sitúan a débeda viva por riba dos 42 millóns de euros en 2027, mentres que os gastos financeiros anuais poderían pasar de 491.000 euros a máis de 1,7 millóns cando rematen os períodos de carencia dos créditos, un incremento do 247,43 %.
«A responsabilidade dun goberno non consiste en gastar hoxe sen pensar no mañá. Cada euro que se compromete sen planificación é un euro que pode faltar para os barrios, para os servizos públicos ou para atender as necesidades reais de Lugo», afirmou a edila, que reclamou ao executivo de Candia explicacións claras sobre a evolución da débeda e o impacto que terá no orzamento municipal.
A socialista cuestionou tamén que o PP anuncie bonificacións fiscais no IBI, no ICIO e no IAE sen detallar suficientemente como se compensarán os ingresos que deixará de percibir o Concello. A iso engádese, segundo os datos recollidos polo Grupo Municipal Socialista, o mantemento da exención do IBI á Xunta de Galicia, cun impacto estimado de arredor de 600.000 euros anuais.
«Non se pode prometer baixar impostos, aumentar o gasto e, ao mesmo tempo, dicir que faltan recursos sen explicar de onde van saír os cartos. A política fiscal tamén require rigor: cada bonificación ten un custo e alguén debe explicar como se vai cubrir», sostivo González Abelleira.
A edila alertou igualmente dos 5,69 millóns de euros que figuran na Conta como gastos pendentes de aplicar ao orzamento e dos atrasos na tramitación de contratos de servizos básicos. Ao seu xuízo, esta situación require unha resposta inmediata para garantir a seguridade orzamentaria, cumprir cos provedores e evitar que as demoras administrativas acaben prexudicando as pequenas empresas que traballan para o Concello. “ O mudus oeprenadi é o seguinte: non pagar as facturas correspondetes ao anterior goberno utilizando como excusa que non hai cartos cando o que pretende e retrasar os pagos aos proveedores para cumprir os seus obxectivos electoralistas”, apuntou a edila.
No ámbito do persoal municipal, González Abelleira lembrou que a carreira profesional horizontal e as melloras da Relación de Postos de Traballo precisan dotación orzamentaria, negociación e seguridade xurídica. «Non se pode xogar coas expectativas dos traballadores municipais facendo promesas que non veñen acompañadas dos recursos necesarios. Gobernar tamén significa garantir que os compromisos que se anuncian se poden cumprir», afirmou.
Para a concelleira socialista, o Goberno de Candia está a seguir un patrón preocupante: presentar un escenario económico alarmista, anunciar medidas sen explicar suficientemente a súa viabilidade e recorrer despois á herdanza recibida cando aparecen as dificultades. «Primeiro crean o relato do desequilibrio; despois comprometen recursos e anuncian medidas; e, cando non poden cumprilas, buscan culpables. Pero gobernar non é construír escusas: é asumir responsabilidades e dar explicacións», resumiu.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclama ao Goberno local que faga públicos os datos actualizados sobre os remanentes dispoñibles, o impacto das bonificacións fiscais, a financiación dos compromisos co persoal, o estado das facturas pendentes e o calendario de licitación dos contratos esenciais.
«Lugo necesita rigor, transparencia e prioridades claras. Os cartos públicos non son do PP nin de ningún goberno: son de todos os lucenses. A obriga de quen goberna é administralos con responsabilidade, garantir os servizos e cumprir o que promete, non inventar unha crise para ocultar as consecuencias das súas propias decisións», concluíu González Abelleira.

Comparte este artigo