O municipio de Oia volveu vivir unha fin de semana histórica co desenvolvemento da XVI Subida a Oia, unha das citas máis emblemáticas do Campionato Galego de Montaña, que reuniu a centos de afeccionados ao automobilismo ao longo do percorrido e confirmou o gran arraigamento que este deporte ten na comarca.
A proba, organizada pola Escudería Baixo Miño, destacou tanto polo elevado nivel competitivo como pola excelente resposta do público, que se achegou masivamente para seguir unha competición que converteu novamente a Oia nun dos grandes referentes do motor en Galicia.
No plano deportivo, a vitoria absoluta foi para Jorge Pérez Alonso, ao volante dun Porsche 992 GT3 Cup, cun tempo de 5:21.579. A segunda posición foi para Jonatan Rodríguez Santín, con Skoda Fabia R5, mentres que o terceiro posto da clasificación xeral correspondeu a Pablo Rey Pérez, pilotando un Norma M20F.
A participación dos pilotos de Oia foi un dos aspectos máis destacados da fin de semana. O mellor resultado local correspondeu a César Domínguez González, que acadou unha brillante 11ª posición na clasificación xeral cun tempo de 5:41.427 ao volante do seu Yacar Yacarcross. Tras el clasificouse Aaron Goce Sexto, no 20º posto, seguido de Iago Puertas Pombal, que rematou na 29ª posición. Moi preto situouse Álex Alonso Alonso, que concluíu a proba no 30º posto da clasificación xeral, completando unha destacada estrea na competición real tras unha brillante traxectoria no simracing, disciplina na que foi nove veces campión de España. Tamén realizaron unha notable actuación César Souto, no 32º lugar, e Esteban González (Meco), no 34º posto, mentres que Abel González Álvarez concluíu a competición na 60ª posición da clasificación xeral. Pola súa banda, Miguel González viuse obrigado a retirarse durante o domingo, sen poder completar a súa participación na carreira. Os resultados do conxunto dos pilotos locais foron moi celebrados pola afección oiense, que acompañou masivamente a cita ao longo de toda a fin de semana.
A elevada participación de pilotos, o gran nivel de competición e a importante afluencia de espectadores contribuíron a que a proba se desenvolvese nun magnífico ambiente durante toda a fin de semana. Ademais do seu valor deportivo, a Subida a Oia volveu supoñer un importante atractivo para a promoción turística e económica do municipio, cun notable movemento de visitantes nos establecementos hostaleiros e comerciais da zona.
A entrega de premios deixou tamén un dos momentos máis emotivos da fin de semana. A organización quixo render homenaxe á figura de Gilillo, persoa moi vinculada ao automobilismo local e especialmente á historia da Subida a Oia, facendo entrega dun detalle á súa familia en recoñecemento á súa contribución e ao recordo que continúa moi presente entre a familia do motor. O xesto foi recibido cun cariñoso aplauso por parte dos asistentes, que quixeron sumarse así á homenaxe.
Desde o Concello de Oia quérese trasladar o seu agradecemento á Escudería Baixo Miño, á Federación Galega de Automobilismo, a Deputación de Pontevedra, A tapería Camboa, patrocinadores, colaboradores, aos voluntarios de Protección Civil do Rosal, Val Miñor, Tui, Tomiño, Salceda e a Asociación Vodea, aos servizos de seguridade e emerxencias, así como aos veciños e veciñas que colaboraron para que a competición se desenvolvese con total normalidade.
O éxito desta edición reafirma a Subida a Oia como unha das probas máis espectaculares e queridas do calendario galego de montaña e consolida ao municipio como un escenario de referencia para o automobilismo galego.

