A Xunta impulsa a Cátedra do Camiño coa USC para reforzar a investigación e a formación cara ao Xacobeo 2027

Redacción
  • O director de Turismo de Galicia participou na presentación da nova programación que incluirá tres axudas internacionais á investigación, formación online sobre o Camiño e un novo concurso audiovisual
  • Puxo en valor a década de traxectoria da Cátedra, impulsada por Turismo de Galicia xunto coa Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral de Santiago, para impulsar os estudos académicos ao redor do fenómeno xacobeo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da programación de actividades para 2027 da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, que reforzará a investigación, a formación internacional e a participación do alumnado universitario, coa vista posta na celebración do Xacobeo 2027.

Xosé Merelles puxo en valor o traballo desenvolvido pola Cátedra desde a súa creación hai dez anos, destacando que se está a consolidar como un referente académico para o estudo e investigación do Camiño de Santiago, “grazas á colaboración entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Catedral de Santiago”. Unha iniciativa que cobra especial relevancia na antesala do Xacobeo 2027, nun contexto de crecente internacionalización do Camiño.

O director de Turismo de Galicia salientou que a programación prevista para o vindeiro ano supón “un novo paso na consolidación deste proxecto”, con novas convocatorias de axudas e premios á investigación, a celebración da décimo oitava edición das Leccións Xacobeas Internacionais e o impulso á formación dixital a través de cursos en liña abertos a participantes de distintos países.

Neste sentido, incidiu na importancia de “promover o coñecemento da historia, o patrimonio e a dimensión cultural e social das rutas xacobeas”, especialmente nun momento no que continúa a medrar e a reforzar o seu carácter internacional. “O obxectivo é contribuír á preservación dos seus valores e á mellora da calidade da experiencia peregrina, en consonancia cos obxectivos do Plan Director dos Camiños de Santiago da Xunta de Galicia”, subliñou.

Novas convocatorias de investigación e premios

A programación de 2027 incluirá tres axudas internacionais para o desenvolvemento de proxectos de investigación sobre o Camiño de Santiago. A estas iniciativas súmanse o Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, o premio a Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster sobre esta temática e, con motivo da celebración do Ano Santo, convocará un premio aos mellores vídeos realizados polo estudantado da Universidade de Santiago de Compostela.

Estas iniciativas buscan implicar directamente á comunidade universitaria na divulgación do patrimonio xacobeo e ampliar as vías de difusión do coñecemento a través de formatos audiovisuais.

Outro dos eixes da programación será a celebración da décimo oitava edición das Leccións Xacobeas Internacionais da USC, que terá lugar os días 19, 20, 21 e 22 de xullo de 2027. O encontro permitirá presentar os resultados dos proxectos de investigación financiados e dos traballos premiados.

A oferta formativa completarase con dous cursos en liña masivos e abertos (MOOC). Os cursos abordarán a topografía xacobea de Santiago de Compostela como meta internacional de peregrinación e a proxección internacional do Camiño, con especial atención ás asociacións, á hospitalidade e ás persoas peregrinas.

O reforzo da actividade investigadora e formativa prodúcese nun contexto de crecemento do Camiño de Santiago. No que vai de ano, máis de 531.000 peregrinos recolleron a Compostela, superando xa o total rexistrado en todo 2025. As persoas de procedencia estranxeira representan o 61% do total, con Estados Unidos á cabeza, seguido de Italia, Portugal, Alemaña e Reino Unido.

Neste escenario, a Cátedra contribúe a reforzar o coñecemento e a difusión dos valores que definen o Camiño, combinando investigación e formación especializada, un papel fundamental de cara á preparación do Xacobeo 2027.

Comparte este artigo