Rueda subliña o compromiso da Xunta coa seguridade viaria tras completar o acondicionamento integral da PO-235 na Lama

Redacción
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, comproba o resultado das obras de mellora na estrada PO-235. Lugar de Cernedo (A Lama), 16/10/26.
  • Destaca que a actuación nos case sete últimos quilómetros entre Seixido e A Portela da Cruz supuxo un investimento de 4,1 millóns de euros
  • Afirma que o obxectivo prioritario destas intervencións é conseguir estradas máis seguras e viaxes máis cómodas, eliminando tramos estreitos e curvas de radio reducido
  • Sinala que as contas do vindeiro ano destinarán máis recursos ao mantemento e conservación da rede de estradas autonómicas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o fin de obra da terceira e última fase do acondicionamento da estrada PO-235, no concello pontevedrés da Lama, onde destacou que con esta actuación se completa o plan de mellora integral desta vía tras destinar un total de 8 millóns de euros ao longo dos últimos anos.

“Así se vertebra a Galicia interior, que é tan importante como a Galicia de zonas máis poboadas, porque a xente ten que escoller onde quere vivir, e para iso hai que darlle servizos á altura”, indicou, ao mesmo tempo que asegurou que a aposta da Xunta é que haxa tamén “Galicia Calidade nas estradas e na seguridade viaria”.

Durante a visita, na que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, Rueda puxo en valor que os traballos desenvolvidos neste último tramo —que abarcou preto de sete quilómetros entre Seixido e A Portela da Cruz, no límite coa provincia de Ourense– deron resposta a unha demanda histórica da veciñanza e do Concello. “Con 4,1 millóns de euros completamos o arranxo integral de toda esta estrada”, salientou.

Neste sentido, fixo fincapé en que o obxectivo destas obras foi acadar unha infraestrutura máis segura e cómoda que facilite os desprazamentos cotiáns. Así, a reforma permitiu corrixir o trazado sinuoso orixinal, substituíndo curvas pronunciadas e consecutivas por trazados máis rectos e dotando a calzada dun firme renovado, carrís máis anchos, mellor sinalización e elementos de protección adaptados ás necesidades da zona. Así mesmo, agradeceu a paciencia á veciñanza durante a execución dos traballos, condicionados polas complexidades climatolóxicas e invernais propias da comarca.

Máis estradas pero tamén máis mellora e conservación

O presidente da Xunta subliñou que a seguridade viaria constitúe unha prioridade absoluta para o Goberno galego, que conta cunha rede de estradas autonómicas que supera os 5.500 quilómetros.

Así, lembrou que o Executivo compaxina a construción de novas vías de altas prestacións —como a prolongación da AG-59 cara á Estrada ou a VAP Tui-A Guarda— cun esforzo sen precedentes na conservación e mellora das infraestruturas xa existentes, coma no caso desta PO-325. A este respecto, o orzamento destinado este ano ao mantemento e conservación viaria acadou a cifra histórica de máis de 71 millóns de euros e, tal e como valorou Alfonso Rueda, as contas do ano que vén reservarán unha partida maior “non só para facer novas estradas, senón tamén para conservar as que están feitas”.

Comparte este artigo