O deputado de Promoción Económica e Social participou na apertura dun encontro promovido pola Escola Politécnica, no que incidiu en que a igualdade de xénero debe estar presente en todas as políticas públicas
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, reivindicou este luns o papel das mulleres e da innovación para garantir o futuro do rural. Fíxoo na apertura institucional da xornada Sementando futuros resilientes para o rural: mulleres e innovación, gobernanza e benestar, celebrada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo.
A xornada, que se desenvolve durante toda a mañá no salón de actos do centro educativo, inclúe a conferencia da enxeñeira en Telecomunicacións Sonia Valladares sobre a transformación dixital e as oportunidades para as mulleres rurais; unha mesa redonda na que se incorporan ademais a emprendedora Chelo López e a representante de FADEMUR, Verónica Marcos; e a presentación da exposición Mulleres no rural: unha realidade invisibilizada a cargo das profesoras Rosa Romero e María Iniesto. A mostra está vencellada á serie fotográfica Facedoras de Lugo, de Mar Caldas, poñendo o foco na visibilidade das mulleres e a súa contribución á realidade rural.
Na apertura do foro, Pablo Rivera incidiu en que “sen as mulleres non hai rural posible, e sen rural non temos futuro nesta provincia”. Con seta reflexión, Rivera puxo o foco na importancia de recoñecer e de visibilizar o traballo das mulleres, fundamental para a vida económica e social do rural.
O deputado defendeu, ademais, que a igualdade de xénero debe estar presente en todas as políticas públicas e lembrou que o futuro do rural pasa por ofrecer oportunidades, apoiar o tecido económico, impulsar a formación e o emprendemento e facilitar servizos.
A apertura institucional desta xornada contou tamén coa participación da vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana; do director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Carlos Amiama; e da presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero do centro, Dolores Fernández.

