Fernando Sotelo será o candidato do Partido Popular á alcaldía de Coles

Redacción

·      O candidato dá o salto á política activa nun ambiente que cualifica como de “ilusión e renovación ao redor dun novo proxecto do PP en Coles, recuperando o sentimento de pertenza ao partido”, mesmo facendo novos afiliados e coa implicación de xente moza 

·      O presidente provincial, Luis Menor, recalca a condición de Coles como “concello popular”, como así o demostra o máis do 46 % de apoio que rexistrou o PP neste municipio nas autonómicas de 2024. Agora, asegura, confía na capacidade deste proxecto “para liderar un cambio en positivo”

O Partido Popular presentará como candidato á alcaldía de Coles a Fernando Sotelo González (Ourense, 1983), quen acepta esta designación como “un paso decisivo no seu compromiso para impulsar o concello”. Empresario local cunha consolidada traxectoria vinculada ao sector da automoción, Sotelo González agradeceu a oportunidade que lle brinda o PP de Coles e a dirección provincial, de cuxo líder, Luis Menor, chamoulle a atención “a súa forma clara de ver as cousas e de baixar a pé de rúa”.

O candidato dá o salto á política activa nun ambiente que cualifica como de “ilusión e renovación ao redor dun novo proxecto do PP en Coles, recuperando o sentimento de pertenza ao partido”, mesmo facendo novos afiliados e coa implicación de xente moza.

Entre os seus obxectivos clave, Fernando Sotelo cita como punto de partida “mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Ademais, e dada a condición de Coles como municipio limítrofe coa capital, aposta firmemente por potenciar a vivenda: “Temos que atraer á xente, darlles facilidades para que se decidan a residir aquí”. Esta fixación de poboación, asegura, “traerá un conxunto de servizos que mellorará a calidade de vida no concello”.

Para alcanzar a alcaldía e desenvolver o seu programa, Sotelo quere contar cun  equipo que mesture experiencia e renovación, “persoas con novas ideas, pero tamén que leven a súa traxectoria no partido”, indica. O seu obxectivo é conxugar a quen achega con “outra visión do que hai”, con aqueles que levan tempo vinculados ao PP de Coles.

“Fernando desprende ilusión e ganas de facer un Coles mellor”, asegurou pola súa banda o presidente provincial, Luis Menor, quen agradeceu o paso que dá o empresario local para poñerse á fronte dun novo proxecto popular neste municipio.

Coles necesita un impulso “con xente nova e novas ideas que sitúen a este municipio onde realmente merece estar”, subliña Luis Menor lembrando que con máis de 3.200 habitantes trátase do concello que segue a lista por número de habitantes no posto número trece da provincia, “inmediatamente despois da Rúa e só por detrás dos municipios con maior poboación da provincia”.

O presidente provincial recalca a condición de Coles como “concello popular”, como así o demostra o máis do 46 % de apoio que rexistrou o PP neste municipio nas eleccións autonómicas de 2024. Agora, asegura, confía na capacidade deste proxecto “para liderar un cambio en positivo”.

Comparte este artigo