Aníbal Pereira e Noa Rouco recibiron os representantes do club ourensán para recoñecer os seus recentes éxitos deportivos
Os concelleiros de Deportes, Aníbal Pereira, e de Artes e Festexos, Noa Rouco, felicitaron esta mañá a adestradora Olalla Fernández e as xogadoras Sara Ezquerro e Mariña González, do Club Athlos Ourense, polo histórico terceiro posto acadado na Copa Iberdrola de Clubes 2026, a principal competición nacional por equipos de bádminton feminino en España, recentemente disputada en Oviedo.
Tamén deron os parabéns a Xoel Álvarez, xogador da categoría sub-19, pola súa convocatoria coa selección española para participar no Campionato de Europa en Hungría e no Campionato do Mundo en Exipto.
O club ourensán continúa competindo na Liga Ouro e mantendo o seu firme compromiso co traballo de formación e apostando pola xente da canteira.
Durante a recepción, Aníbal Pereira quixo “destacar o inmenso talento que temos en Ourense, do que desgrazadamente moitas veces os ourensáns e as ourensás nin nos decatamos, como neste caso, no que temos a dúa mozas ourensás no campionato absoluto de bádminton que quedan de terceiras a nivel nacional”.
O edil de Deportes incidiu en que existe “un grave problema de transmisión para que a sociedade saiba o que temos” e subliñou a importancia de apoiar a entidades como o Athlos: “Paréceme un exemplo de club nunha modalidade deportiva que quizais non sexa demasiado coñecida, mais é moi fermosa. Hai que estar moi pendentes deles para que estes mozos e mozas poidan ir competir; precisamos valorar o deporte moitísimo máis do que o estamos facendo”.

