A Xunta de Goberno aproba 418.036,76 euros en subvencións para nove concellos e dúas entidades

Redacción
Reunión da Xunta de Goberno da Deputación Ourense. Asisiten Luis Menor Pérez (Presidente Deputación); Marta Nóvoa Iglesias (VicePresidenta 1ª), César Fernández Gil (VicePresidente 2º), Plácido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º), Rosendo Fernández (Deputado PPOU), Jorge Pumar Tesouro (Deputado PPOU), Manuel Seoane Rodríguez (Deputado PPOU); Patricia Torres Madureira (Deputado PPOU), María Teresa Barge Bello (Deputada PPOU), Begoña Álvarez Matos (Representante de Intervención), Adamantino Barreiro García (Vicesecretario da Deputación de Ourense).

A sesión tamén acordou modificar a concesión dunha subvención de 34.403,28 euros ao Concello de Muíños para a senda peonil de acceso ao complexo do Corgo

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na súa sesión de hoxe 12 subvencións por un importe total de 418.036,76 euros. O presidente provincial, Luis Menor, informou dos acordos na rolda de prensa posterior á reunión, na que detallou que 398.036,76 euros corresponden a dez achegas para nove concellos e os 20.000 euros restantes a dúas entidades.

No apartado de infraestruturas e equipamentos municipais, aprobáronse 130.000 euros para a mellora e dotación do Centro de Iniciativas Municipais (CIMA) da Veiga e dos seus accesos ou viais. Este centro funciona como viveiro de empresas e obrador municipal especializado no sector agroalimentario.

Tamén se concederon 110.000 euros a Paderne de Allariz para o cofinanciamento do abastecemento de Ermide e Eiravedra; 48.000 euros a Esgos para a rexeneración do firme na rede viaria municipal; e 14.850 euros a Cenlle para a iluminación do campo de fútbol.

En relación coas actividades turísticas no Xurés, a sesión aprobou dúas subvencións de 30.000 euros cada unha: a de Bande, destinada a Xurés Xperience, e a de Entrimo, para Portas do Xurés e Xurés Xperience.

En materia ambiental, Boborás recibirá 12.000 euros para o cofinanciamento de refuxios climáticos. Pola súa banda, Larouco contará con dúas achegas: 5.037,03 euros para o proxecto do campo de voluntariado Castrillón e 3.149,73 euros para o proxecto de voluntariado ambiental e difusión da Rede Natura 2000.

 As subvencións municipais complétanse con 15.000 euros para Maside, destinados á adquisición de equipamentos para as festividades gastronómicas e tradicionais das parroquias.

No apartado de entidades, aprobáronse 17.000 euros para a Asociación Musical de Trasmiras e 3.000 euros para o Club Vespa-Lambretta Clásica “AVISPADOS” de Ourense, en ambos os casos para gastos de funcionamento correspondentes a 2026.

Finalmente, a Xunta de Goberno acordou modificar o acordo de concesión dunha subvención ao Concello de Muíños, por importe de 34.403,28 euros, destinada ao cofinanciamento da senda peonil de acceso ao complexo fluvial e deportivo O Corgo. Este acordo corresponde a unha axuda xa concedida e non se incorpora ao importe das novas subvencións aprobadas nesta sesión.

Comparte este artigo