O Concello de Baiona ofrecerá este domingo, 25 de outubro, ás 19.00 horas, no Multiusos de Sabarís, a representación teatral Caídas, da compañía Redrum Teatro.
A actividade será gratuíta e o acceso libre ata completar a capacidade.
A iniciativa enmárcase no programa Baiona Lila, a través do cal a Concellaría de Igualdade promove actividades de sensibilización, reflexión e promoción da igualdade entre mulleres e homes, así como de prevención da violencia de xénero.
O espectáculo, cunha duración aproximada de 80 minutos e dirixido ao público adulto, aborda a realidade do Padroado de Protección á Muller (1941-1985), unha institución que marcou a vida de miles de mulleres e mozas en España.
Baixo a dirección de Marian Bañobre, Caídas achégase ás historias de mulleres que, baixo o pretexto da súa protección e reeducación moral, foron internadas en institucións nas que estaban sometidas a estritos mecanismos de control e vixilancia do seu comportamento.
A través dunha proposta teatral que combina interpretación e reflexión, a obra dá visibilidade ás experiencias destas mulleres e invita o público a analizar a evolución dos dereitos das mulleres, a liberdade individual e os mecanismos sociais de control, así como a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis igualitaria.
Catro actrices de diferentes xeracións —Mela Casal, Sheyla Fariña, Neves Rodríguez e Raquel Crespo— dan vida a estas historias, achegando ao escenario distintas voces e experiencias que permiten conectar os feitos narrados con cuestións de plena actualidade.
Con esta proposta, o Concello de Baiona continúa impulsando, a través de Baiona Lila, actividades culturais que contribúen á sensibilización social e á promoción da igualdade.

