A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta cun orzamento de máis de 612 millóns de euros para o vindeiro ano 2027 cun incremento do 10%

Redacción
  • –      O investimento da Xunta de Galicia para o Novo Montecelo acada os 55,2 millóns de euros entre o remate da obra, a fase final do seu equipamento e tecnoloxías TIC así coma paraas licitacións da cafetería e o aparcadoiro
  • –      Pulo inversor á Atención Primaria da Área, no futuro remate do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa e dotacións económicas para os proxectos constructivos dos centros de saúde de Sanxenxo, Meis, Barro, Soutomaior, A Lama e Vilanova de Arousa
  • –      A inversión para o vindeiro 2027 garante tamén un incremento retributivo para o persoal sanitario e non sanitario, ao tempo que mantén a dotación para a prestación farmacéutica e ortoprotésica de toda a poboación de referencia
  •  

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2027 destinan á Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 612,6 millóns de euros, inversión económica que supón un incremento do 10,04 % con respecto ao exercicio orzamentario do presente ano 2026.

Nesta dotación global inclúense os gastos propios da Área Sanitaria nos capítulos I -persoal asociado á área de saúde- capítulo II -gastos de funcionamento nos que se inclúen produtos farmacéuticos, material sanitario, implantes e laboratorio- capítulo IV -prestación farmacéutica por receita e ortoprotésica- e capítulo VI -investimentos-.

O orzamento da Xunta de Galicia para o vindeiro 2027 na Área Sanitaria garante tamén un incremento retributivo para o persoal sanitario e non sanitario, ao tempo que mantén a dotación para a prestación farmacéutica e ortoprotésica de toda a poboación de referencia.

55,2 millóns para o Novo Montecelo

Así mesmo, para dotación de obra e equipamentos, o orzamento consignado para o proxecto do Novo Montecelo acada os 55,2 millóns de euros. Desta partida, 11 millóns de euros destinaráse ao remate da obra do novo hospital, así coma para a licitación da cafetería e do aparcadoiro.

Outros 38 millóns de euros da devandita partida asígnanse á fase final do equipamento do Novo Montecelo, destinados á adquisición de equipos correspondentes aos plans de necesidades dos novos servizos, laboratorios, salas de diagnóstico e mobiliario xeral de áreas administrativas ou de espera de pacientes. Do mesmo xeito, contémplanse 5,7 millóns de euros para equipamento TIC do novo centro hospitalario.

No marco do Plan Estratéxico de Saúde Mental, os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro 2027 na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reservan unha partida económica de 405.000 euros para a dotación do hospital de día de adultos e infanto-xuvenil.

Pulo inversor na Atención Primaria

No eido da Atención Primaria, os orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2027 recollen as anualidades necesarias para avanzar en diversas melloras de centros de saúde da Área Sanitaria. Así, destinaránse 13,1 millóns de euros para o remate do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, actualmente en execución e que prevé a súa finalización o vindeiro ano.

Así mesmo, asígnanse partidas para avanzar nas xestións de redacción dos proxectos constructivos de centros de saúde nos concellos de de Sanxenxo -2,4 millóns de euros-, Barro -con 1,4 millóns de euros- e Meis -808.325 de euros-.

Do mesmo xeito, o vindeiro ano dótase dunha partida orzamentaria por importe de 500.000 euros para a licitación do proxecto do novo centro de saúde do Concello de Soutomaior, ao tempo que se contempla outra intervención económica para avanzar na mellora da Atención Primaria no municipio de Caldas de Reis dentro do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria.

A Xunta de Galicia recolle tamén sendas partidas económicas para executar as obras de reforma nos centros de saúde de titularidade municipal dos concellos de A Lama -114.612 euros- e Vilanova de Arousa -131.835 euros-, mediante os correspondentes convenios de colaboración asinados recentemente con ambos concellos.

Comparte este artigo