O BNG de Moraña abre unha nova etapa con Mariña Búa á fronte de cara ás eleccións municipais de 2027

Redacción

A Asemblea Local elixe a Mariña Búa como candidata á alcaldía, nunha nova etapa que aposta pola renovación, o compromiso coa veciñanza e o fortalecemento do proxecto nacionalista no concello.

Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego de Moraña vén de elixir a Mariña Búa González como candidata á alcaldía de cara ás eleccións municipais de maio de 2027.

Búa, que leva sete anos como concelleira na corporación municipal, asume esta responsabilidade coa vontade de reforzar o proxecto do BNG en Moraña, ampliar a súa presenza social e continuar a desenvolver unha política próxima á veciñanza, atenta ás necesidades das parroquias e centrada na mellora dos servizos públicos e da calidade de vida.

Tras coñecerse a decisión da asemblea, Mariña Búa agradeceu a confianza depositada nela e manifestou a súa ilusión por afrontar esta nova etapa: «Asumo esta responsabilidade con moita ilusión, pero tamén coa conciencia de que hai moito traballo por diante. Quero que o BNG siga sendo unha organización viva, próxima á xente e capaz de ofrecer respostas aos problemas reais de Moraña».

A nova candidata destacou tamén a importancia do traballo colectivo: «Este proxecto non se constrúe en solitario. Quero contar coa militancia, coas persoas que levan anos traballando polo BNG e con todas aquelas que queiran achegar ideas, sumar esforzos e contribuír a construír unha alternativa para Moraña».

O BNG de Moraña inicia así unha nova fase de traballo político coa vista posta nas eleccións municipais de 2027, co obxectivo de fortalecer a organización, escoitar a veciñanza e construír unha proposta ambiciosa e útil para o futuro do concello.

Comparte este artigo