O Concello de Mos colaborou nesta iniciativa organizada por AFAGA Alzheimer e iPadel Fitness, que combinou deporte e solidariedade durante catro xornadas
O torneo solidario de pádel «Xuntos pola memoria» reuniu un total de 188 xogadores nas instalacións de iPadel Mos entre os días 15 e 18 de outubro. A iniciativa, organizada por AFAGA Alzheimer e iPadel Fitness, contou co apoio institucional do Concello de Mos e coa colaboración de numerosas empresas.
A competición incluíu as categorías de segunda, terceira e cuarta, nas modalidades masculina e feminina, ademais da terceira categoría mixta. En total, entregáronse 42 premios entre os cadros principais, con recoñecementos para campións e subcampións, e os cadros de consolación, nos que recibiron premio os campións.
Á entrega de premios asistiron as concelleiras do Concello de Mos Felisa Rodríguez e Laura Méndez, que acompañaron a organización e as persoas participantes no peche desta cita deportiva e solidaria.
Baixo o lema «Xuntos pola memoria», o torneo buscou combinar a práctica deportiva coa sensibilización sobre o Alzheimer e outras demencias, así como apoiar o labor que desenvolve AFAGA Alzheimer coas persoas afectadas e coas súas familias. A convocatoria contou tamén cunha Fila 0 para facilitar a colaboración de persoas que non participaron directamente na competición.
O Concello de Mos colaborou no desenvolvemento desta iniciativa, que contou coa implicación de xogadores, organizacións e empresas nunha convocatoria que vinculou o deporte coa solidariedade e coa sensibilización social.
Cabe destacar que o torneo contou cunha exhibición de xogadores de primeira categoría onde David García e Gonzalo Pérez se enfrontaron a Daniel Pereiro e Héctor Guisande.
Durante o acto, AFAGA fixo entrega de senllos recoñecementos ao Concello de Mos, polo seu apoio institucional, e a iPadel, polo seu labor e soporte no desenvolvemento e organización do evento deportivo, compañía que recibiu ademais o distintivo de Empresa Solidaria coas Demencias 2026-2027.
Durante a súa intervención, o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, destacou o valor que o deporte e este tipo de iniciativas achegan ao labor de prevención e sensibilización sobre o Alzheimer e outras demencias que desenvolve a asociación, animando a outras empresas da contorna para colaborar e sumar esforzos.
Neste sentido, a organización agradece a colaboración de Decathlon, GrupoFix Salud y Deporte, Podoactiva, Jim Sports by Softee, Viajes TravelMakers, Talaso Atlántico, Galektra, Uniaqua, Viveiros ADOA, Balneario Mondariz, Estrella Galicia, Eroski Vegalsa, Fundación Celta, Yamarco e Viña Costeira, así como o apoio institucional do Concello de Mos.

