- O equipo ponteareano liderou o medalleiro oficial tras acadar tres das únicas cinco medallas outorgadas na competición, dada a dificultade das probas.
- Os guías Sonia con Boby, Josefa con Dana e Jesús con Ares subiron ao podio en cascallos e grandes áreas.
- A alcaldesa Nava Castro e o edil Juan Carlos González destacan o orgullo e o liderado internacional do municipio no salvamento canino.
A Unidade Cinolóxica de Ponteareas fixo historia este fin de semana ao proclamarse como o equipo de rescate máis destacado de Europa. No marco dos “XI Xogos Europeos de Policía e Bombeiros 2026”, cuxas probas caninas acolleu o propio municipio ponteareán, a unidade local alcanzou o cumio ao conseguir dúas medallas de ouro e unha de prata en disciplinas de máxima esixencia técnica e operativa.
Esta brillante actuación cobra aínda máis relevancia ao tratarse de tan só a segunda participación da Unidade Cinolóxica nuns Xogos Europeos. Cun historial tan novo nesta cita continental, o equipo ponteareán logrou situarse de inmediato na vangarda do salvamento internacional.
A esixencia do campionato quedou patente no desenvolvemento das probas. Segundo explicou o responsable da unidade local, Jesús Rodríguez, as probas contaron cunha “gran complexidade técnica”, cuxa mellor evidencia é que de as 15 medallas posibles en xogo só se entregaron 5 en total. A gran noticia para o municipio é que, de esas cinco únicas prezas concedidas, tres foron para Ponteareas, o que sitúa ao equipo de emerxencias ponteareán como líder absoluto do medalleiro.
Os nomes do éxito
Os binomios locais demostraron a súa superioridade operativa fronte a especialistas de todo o continente. Na modalidade de “Busca en cascallos”, celebrada nos terreos de Ribadetea, a guía Sonia xunto ao seu can Boby alzouse coa medalla de ouro na categoría feminina.
Pola súa banda, a disciplina de “Busca en grandes áreas”, desenvolvida nas inmediacións do Convento de Canedo, estivo dominada por completo por Ponteareas tanto en categoría feminina como masculina. A guía Josefa con Dana conseguiu o ouro feminino, mentres que Jesús Rodríguez co can Ares logrou a prata masculina.
Este resultado consolida a traxectoria internacional de Jesús Rodríguez e o can Ares, quen na súa primeira experiencia nuns Xogos Europeos, celebrados no ano 2024 na localidade portuguesa de Braga, xa demostraran o seu enorme potencial ao alzarse tamén coa segunda praza e, polo tanto, o subcampionato na proba de “Busca en grandes áreas”.
Satisfacción institucional
O tenente de alcaldesa e concelleiro de Emerxencias, Juan Carlos González, quen coordinou persoalmente a validación de terreos para a competición, puxo en valor “a aposta estratéxica do concello pola posta en marcha desta unidade”. González engadiu que “estas tres medallas nunhas probas de tan alta esixencia técnica demostran que o esforzo e o adestramento constante dan os seus froitos, consolidando a Ponteareas como o líder indiscutible desta disciplina”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, amosou a súa máxima satisfacción e orgullo polo fito alcanzado, destacando que “é un orgullo inmenso ver como o nome de Ponteareas brilla no máis alto de Europa grazas ao traballo, a entrega e a excelencia da nosa Unidade Cinolóxica”. “Este éxito ratifica que o noso municipio conta con profesionais de primeiro nivel e sitúanos como un referente absoluto no ámbito internacional do salvamento”, enfatizou Nava.

