Ana González Abelleira critica que a alcaldesa retire 1,89 millóns de euros de actuacións previstas nos barrios, no medio ambiente na mobilidade e nos servizos municipais para financiar obxectivos electoralistas
Abelleira denuncia que Candia dilapida máis de 3 millóns de euros de remanentes en medidas cortoplacistas con observación de Intervención municipal para satisfacer compromisos partidistas. “Ten máis promesas que cartos”, sinala
Os socialistas denuncian que o Goberno local altera as prioridades orzamentarias mentres recorre aos aforros municipais e destina recursos a actuacións de impacto inmediato que favorecen a imaxe da alcaldesa, como os máis de 200.000 euros incorporados de remanentes para eventos promocionais
O Grupo Municipal Socialista defende o desenvolvemento integral de San Fiz, incluído o pavillón previsto no proxecto anterior, pero reclama unha planificación que permita consolidar un proxecto integral que cumpra coas demandas do tecido deportivo da cidade para as próximdas décadas
O Grupo Municipal Socialista de Lugo,a través d asúa voceira adxunta, Ana González Abelleira, denunciou hoxe a política económica do Goberno de Elena Candia, ao que acusa de modificar reiteradamente as prioridades orzamentarias para financiar actuacións de impacto inmediato e cumprir obxectivos de promoción persoal, en detrimento doutros investimentos necesarios para a cidade. Ana González Abelleira pon como exemplo a proposta de transferencia de crédito TC 36/2026, que prevé retirar 1.892.007,37 euros de nove proxectos municipais para financiar a primeira fase do Centro Deportivo Municipal de San Fiz aprisa e corendo e cunha falta alarmante de planificación.
«O que cuestionamos non é que Lugo necesite unha cidade do deporte. Defendemos ese proxecto que foi ideado polo noso concello e queremos que se desenvolva con todas as garantías, incluído o pavillón previsto na planificación anterior. O que non aceptamos é que Candia pretenda financiar unha actuación retirando recursos a outros nove proxectos que tamén responden a necesidades reais da veciñanza, mentres orienta a política municipal a cumprir obxectivos de promoción persoal», afirma a portavoz adxunta socialista.
A proposta promovida pola alcaldesa o pasado 16 de outubro contempla reducir a dotación de actuacións como o novo aparcadoiro do Ceao, que está sendo finaciado cos fondos de Novo Norte destinados a oproxecto de dotars a avenida d acoruña dun gran boulevar, a glorieta da avenida de Magoi e da avenida de Breogán, dos que se retraen 200.000 euros e a humanización das rúas Río Eo e Otero Pedrayo, a renovación da rúa Lavandeira e a mellora da envolvente das naves municipais no parque da Milagrosa. Tamén afecta aos investimentos en recollida de residuos, medio ambiente, deportes e arranxos nas naves das asociacións.
Entre as partidas afectadas destacan os 640.000 euros previstos para o parque da Milagrosa, os 298.497,88 euros destinados a investimentos en medio ambiente a mellora dos parques e zonas verdes da cidade e os 220.000 euros para a renovación da rúa Lavandeira. «Falamos de actuacións que afectan á mobilidade, á conservación dos espazos públicos, á calidade ambiental e á actividade das asociacións. Candia ten que explicar por que considera que as súas prioridades políticas deben prevalecer sobre estas necesidades e por que os veciños teñen que asumir o custo das súas decisións», sinala González Abelleira.
Os socialistas consideran que a operación evidencia unha falta de planificación global. O desenvolvemento do complexo deportivo debe responder a un proxecto completo, con infraestruturas adecuadas ás necesidades dos clubs e do deporte base, pero tamén debe encaixar nunha estratexia de investimentos que garanta a mellora equilibrada do conxunto do municipio. Por iso, o PSOE reclama que o Goberno local explique que alternativas de financiamento estudou antes de retirar crédito aos proxectos afectados. “ Lugo e os e as lucneses están a vivir o maior engano do século nunha actuación populista e carente de rigor e responsabilidade política sen precedentes”, apuntou Abelleira.
A portavoz adxunta vincula esta decisión cunha orientación económica máis ampla que, segundo denuncia, está convertendo os recursos acumulados polo Concello nun instrumento para financiar actuacións de curto prazo. O Goberno local incorpora máis de tres millóns de euros de aforro municipal procedente dos remanentes e, segundo os datos que manexa o Grupo Socialista, contempla destinar outros 200.000 euros a eventos. Para o PSOE, estas decisións deben analizarse conxuntamente e xustificarse en función do seu interese público, da súa utilidade e das necesidades que seguen pendentes.
«Non cuestionamos a importancia das festas nin da actividade cultural. O que cuestionamos é que se poidan mobilizar recursos para actuacións que contribúen á promoción persoal da alcaldesa mentres se reducen os fondos destinados a investimentos necesarios nos barrios. O diñeiro público non pode converterse nun instrumento ao servizo da imaxe de Elena Candia: debe servir para mellorar os servizos, os equipamentos e a vida da veciñanza», afirma González Abelleira.
O expediente de transferencia de crédito incorpora un informe da Intervención municipal do 16 de outubro, de carácter favorable con observacións. O PSOE reclama que se dea a coñecer o alcance destas observacións e que o Goberno explique as consecuencias da operación sobre a execución dos proxectos afectados e a planificación económica dos próximos exercicios. Os socialistas consideran imprescindible que as decisións sobre o destino dos aforros municipais se adopten con transparencia e cunha avaliación rigorosa das prioridades.
“Candia está a converter a capacidade económica do Concello de Lugo nun instrumento de rendibilidade política inmediata. En lugar de utilizar os recursos municipais para desenvolver un proxecto de cidade, atender as necesidades máis urxentes e planificar os investimentos a medio e longo prazo, está recorrendo reiteradamente aos aforros municipais, aos remanentes e ás modificacións orzamentarias para financiar actuacións de impacto inmediato, cunha clara orientación cortoplacista e electoral”, dixo.
«O problema non é só como se gasta o diñeiro público. É que prioridades se están sacrificando, que futuro se está comprometendo e que cidade se está deixando de construír. Lugo non ten que escoller entre San Fiz e os seus barrios. O que necesita é un Goberno capaz de planificar, buscar alternativas de financiamento e compatibilizar os investimentos. Candia debe explicar por que para financiar unha actuación retira recursos a outras nove e que pensa facer para que esas necesidades non queden atrás. Non se pode gobernar pensando antes na promoción persoal que no interese xeral», conclúe a portavoz adxunta.
O Grupo Municipal Socialista reitera o seu compromiso cun modelo de cidade que combine a mellora das infraestruturas deportivas coa renovación dos barrios, a conservación ambiental, a mobilidade, os servizos públicos e o apoio ao tecido asociativo. «Gobernar non é utilizar os recursos municipais para construír unha imaxe política, senón administralos con responsabilidade e construír unha cidade que avance de maneira equilibrada, con planificación e pensando nas necesidades presentes e futuras da cidadanía», remata González Abelleira.

