Neda retoma en novembro as escolas municipais de teatro. A rapazada afeccionada ao mundo da interpretación volverá ter na vila a oportunidade de formarse e de pisar por primeira vez as táboas dos escenarios. O Concello abre dende xa o prazo de inscrición para sumarse ás súas agrupacións infantil e xuvenil, que volverán contar como mestra con Marián Rei. As prazas son moi limitadas.
A partir do próximo mes, os participantes destas aulas culturais volverán facerse co escenario do salón de actos da Casa da Cultura. A administración local recupera esta aposta, que brinda á infancia e á mocidade un espazo para expresarse a través da arte, fomentar a creatividade, e crear afección pola dramaturxia.
Neste novo curso, Marián Rei, fundadora da compañía Teatro Calavera, volverá poñerse á fronte do cadro de actrices e actores. Haberá un grupo infantil, dirixido a menores de entre 6 e 12 anos e outro xuvenil para mozos e mozas de entre 13 e 18 anos. O primeiro ensaiará todos os mércores de 17:30 a 19:00 h, e o segundo os venres, de 17:00 a 20:00 h. A actividade prolongarase ata o mes de xuño.
Apuntan dende o Concello que, ao estar os grupos consolidados, as posibilidades de incorporarse reduciranse a cubrir vacantes (981390233).
A cota mensual de participación será de 10 euros para os menores de 14 anos e de 15 euros para o resto.
Cómpre lembrar que a escola xuvenil triunfaba o pasado curso no XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado. organizado polo IES Rosalía Mera e a Deputación da Coruña, coa súa versión de O Principiño. Conseguía os premios á mellor actriz cadete, mellor dirección e mellor obra- Pola súa banda, a obra do grupo infantil “O misterioso Camiño Inglés desde Neda” acadaba o terceiro premio á mellor obra da súa categoría.

