O BNG reclama melloras no aparcadoiro da avenida da Coruña e reivindica as medidas impulsadas para facilitar o estacionamento

Redacción

Antía Alberte reclama que o Concello estude unha nova delimitación das prazas e Luís Pérez Barral lembra as medidas impulsadas polo BNG para ampliar e abaratar as opcións de estacionamento en Ribeira.

O Bloque Nacionalista Galego solicita ao Concello que realice un unha reorganización e repintado das prazas de estacionamento do aparcadoiro municipal situado na avenida da Coruña, diante do supermercado Gadis-Hiper (Haley). Os nacionalistas, tras escoitar os veciños e veciñas da zona, consideran necesario mellorar a delimitación das prazas para facilitar o estacionamento, aproveitar axeitadamente o espazo dispoñible e evitar rozaduras, pequenos danos nos vehículos e posibles conflitos entre as persoas usuarias.

A concelleira do BNG, Antía Alberte, explicou que é “un aparcadoiro municipal de case 100 prazas moi utilizado diariamente, tanto por parte das traballadoras do Gadis-Hiper como da veciñanza das rúas próximas, especialmente Padín e As Carolinas polo que cumpre unha función importante na mobilidade de Ribeira. Por iso, é necesario que estea ben acondicionado e que as prazas se atopen correctamente delimitadas”. A súa importancia aumenta durante os meses de verán, cando o incremento da poboación e da afluencia de visitantes fai medrar a demanda de estacionamento.

Alberte indicou que o BNG recibiu suxestións de veciños e veciñas que alertan da falta de marcas visibles e das dimensións reducidas dalgunhas das prazas actuais. “Cando as liñas non se distinguen ben ou as prazas non teñen unhas dimensións axeitadas, estacionar pode resultar máis complicado e aumentar o risco de golpes e rozaduras. É unha mellora concreta, relativamente sinxela de estudar, que pode facilitar o día a día de moita xente”, apuntou.

Por este motivo, o BNG rexistrou unha iniciativa para que o Concello realice o repintado das prazas de estacionamento, co obxectivo de mellorar a organización do aparcadoiro e ofrecer unhas condicións máis cómodas e seguras ás persoas usuarias.

O BNG reivindica as medidas impulsadas para facilitar o estacionamento e avanzar cara a unha Ribeira mellor

Pola súa banda, o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, aproveitou a comparecencia para repasar algunhas das medidas impulsadas pola formación durante a súa etapa á fronte do goberno local, co obxectivo de ampliar as alternativas de estacionamento e facilitar os desprazamentos da veciñanza.

Entre elas, destacou a municipalización do aparcadoiro do Centenario, unha medida que permitiu ofrecer tarifas máis económicas, situándoo entre os aparcadoiros máis baratos da comarca da Barbanza e entre os de menor prezo do país. Tamén lembrou a creación do aparcadoiro gratuíto da avenida de Ferrol, unha alternativa que ampliou as posibilidades de estacionamento na cidade.

“Para nós, gobernar significa mellorar a vida da xente con medidas positivas. Fixémolo abaratando o aparcadoiro do Centenario, habilitando espazos gratuítos e traballando para que a veciñanza tivese máis facilidades para desprazarse. Esa é a maneira de construír, día a día, unha Ribeira mellor”, afirmou Pérez Barral.

O portavoz nacionalista subliñou que a política de mobilidade non pode limitarse á creación de novas prazas, senón que tamén debe atender o mantemento e a organización dos espazos existentes e avanzar na mellora do transporte público. “Temos que seguir escoitando a veciñanza e atendendo as cuestións que poden parecer pequenas, pero que teñen moita importancia no día a día. Que unha persoa poida aparcar con comodidade, que atope un espazo en boas condicións ou que dispoña de alternativas para moverse son tamén cuestións que importan”, explicou.

Luís Pérez Barral apuntou, ademais, que Ribeira debe continuar avanzando cara a un modelo de mobilidade que combine aparcadoiros ben organizados, prezos accesibles, espazos gratuítos e mellores alternativas de transporte público. “Temos experiencia, coñecemos as necesidades dos barrios e das parroquias e sabemos que aínda hai moito que facer. Queremos seguir traballando con esa mesma proximidade, atendendo os problemas reais e buscando solucións útiles para as persoas”, engadiu.

“Unha Ribeira mellor significa precisamente iso: unha cidade pensada para as persoas que coida os seus espazos públicos, que facilita a vida da veciñanza e que avanza. Hai moitas cousas que podemos mellorar e queremos seguir facéndoo coa xente, escoitando as súas propostas e converténdoas en actuacións concretas”, concluíu o portavoz do BNG.

Comparte este artigo