O Concello de Baiona organiza actividades educativas e de sensibilización para promover a igualdade e previr a violencia machista, cunha programación que se estenderá todo novembro.
O Concello de Baiona, a través da Concellaría de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), pon en marcha a programación especial de Baiona Lila con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora cada 25 de novembro.
A programación combinará teatro, exposicións, actividades educativas e propostas dirixidas ao público familiar, co obxectivo de sensibilizar a cidadanía, fomentar relacións baseadas na igualdade e no respecto e reforzar o compromiso municipal coa prevención e erradicación da violencia contra as mulleres.
As actividades comezarán este domingo, 25 de outubro, coa representación da obra teatral Caídas, de Redrum Teatro, ás 19.00 horas no Multiusos de Sabarís. A actividade é gratuíta ,e o acceso libre ata completar capacidade. O espectáculo cunha duración aproximada de 80 minutos e dirixido ao público adulto, aborda a realidade do Padroado de Protección á Muller ( 1841-1985) unha institución que marcou a vida de miles de mulleres e xoves de España.
O teatro continuará o 14 de novembro coa representación de “Sophie non é ou meu nome de guerra” , ás 21.00 horas no Multiusos de Sabarís, un espectáculo de teatro contemporáneo a partir do texto teatral homónimo de Roberto Pascual, gañador do Premio Rafael Dieste 2021, da Deputación da Coruña.
Desde o 4 de novembro e durante todo o mes, o Multiusos de Sabarís acollerá a instalación artística «Ten nome, violencia machista», creada por Irene Silva, artista baionesa multidisciplinar, unha proposta de sensibilización que dará visibilidade ás consecuencias máis graves da violencia machista.
A través de siluetas, a mostra lembrará as mulleres asasinadas por violencia de xénero en 2026, así como os menores asasinados por violencia vicaria, e os nenos e nenas que quedaron orfos como consecuencia desta violencia. A instalación artística pretende manter viva a memoria das vítimas, sensibilizar e xerar conciencia
No marco da programación Baiona Lila, o IES Primeiro de Marzo acollerá a exposición «Mozas 24 horas», de Mabel Lozano do 16 ao 30 de novembro. A mostra promovida pola Dirección Xeral da Loita contra a Violencia de Xénero e a Conselleria de Política Social da Xunta de Galicia, complementase con catro talleres de sensibilización dirixidos ao alumnado de educación secundaria do centro, co obxectivo de profuindizar nos contidos da mostra, fomentar unha mirada crítica e contribuír á prevención da explotación sexual e doutras formas de violencia contra as mulleres.
Ademais, os centros educativos do municipio a que imparten a etapa de educación infantil e primaria, acollerán talleres de sensibilización e prevención da violencia de xénero, nos que se traballará desde idades temperás valores como o respecto, a igualdade, o bo trato e a construción de relacións libres de violencia.E a galescola acollerá o espectáculo BABÁ- BEBÉ da compañía A fiestra de Maxín.
A programación incluirá tamén, o sábado 21 de novembro,” Orienta pola Igualdade”, unha actividade dirixida ao público familiar que busca achegar os valores de igualdade a través dunha proposta participativa e educativa.
O sábado 28 de novembro, a programación ofrecerá tamén unha sesión de autocine cunha película dirixida ao público familiar, como proposta de lecer compartido para desfrutar en familia e achegar os valores de igualdade a través da cultura.
O Concello de Baiona está a preparar tamén un acto conmemorativo con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha das datas centrais da programación de Baiona Lila. O acto enmarcarase no compromiso municipal de lembrar as vítimas, visibilizar a violencia machista e reforzar a implicación das institucións e da cidadanía na súa prevención e erradicación.
Con esta programación, o Concello de Baiona reafirma o seu compromiso coa igualdade entre mulleres e homes e coa construción dunha sociedade libre igualitaria. Os detalles dos horarios e das actividades da programación difundiranse a través das canles oficiais municipais.

