➤ A arqueóloga Marta Sánchez de la Torre e o biólogo Arnau Busquets-García, membros da Academia Joven de España, deron varias charlas no IES Alfredo Brañas e no CPR Artai sobre investigación arqueolóxica e sobre os efectos do cannabis no cerebro.
➤ Os encontros co estudantado insírense dentro do proxecto TALK0 do Concello de Carballo, en coordinación coa Academia Joven de España e coa Universidade da Coruña, que busca chegar ao alumnado do municipio a través de actividades de divulgación científica que conecten a investigación europea coa súa vida cotiá.
Dentro do proxecto «Talento Quilómetro Cero (TALK0)», que coordina o Concello de Carballo, leváronse a cabo esta mañá novas charlas nos colexios do municipio nas que investigadores da Academia Joven de España achegaron con didáctica e de forma amena a investigación ao alumnado de Carballo.
Temas tan dispares como a reconstrucción do pasado a través da arqueoloxía ou os efectos do cannabis no cerebro foron tratados nos encontros dos colexios IES Alfredo Brañas e CPR Artai de Carballo polos investigadores Marta Sánchez de la Torre e Arnau Busquets-García.
As charla forman parte do proxecto «Talento Quilómetro Cero (TALK0)», financiado no marco do prograna Horizonte Europa (ACCIÓNS MARIE SKŁODOWSKA-CURIE – MSCA AND CITIZENS) dentro das actividades do «Researchers at schools», e buscan espertar a curiosidade, estimular vocacións científicas e ofrecer unha visión próxima e diversa da investigación a través do contacto directo coas persoas que a desenvolven.
A arqueóloga Marta Sánchez de la Torre, profesora agregada de Prehistoria da Universitat de Barcelona, ofreceu dúas charlas sobre a investigación arqueolóxica e as ferramentas que permiten reconstruír o pasado. A primeira foi no IES Alfredo Brañas para alumnado da ESO e a segunda no CPR Artai, onde se reuniu con escolares de terceiro a sexto de primaria.
Marta Sáchez contoulles aos alumnos e alumnas como a arqueoloxía trata de reconstuir as sociedades do pasado sobre todo para «fomentar as vocacións científicas en nenos e nenas e que teñan referentes reais nos que mirarse» sempre cun toque distendido e «con referentes que eles e elas coñecen, por exemplo con Tadeo Jones, filme que case todos os nenos e nenas coñecen».
Ademais a arqueóloga quixo recalcar a importancia de que os rapaces e rapazas dos colexios e dos institutos vexan que «hai mulleres investigadoras, para que as nenas que queiran adicarse ás ciencias vexan, igual que os nenos, que hai referentes femininos antes que elas que se adicaron a iso e que se pode facer sen ningún tipo de problema».
A importancia de achegar a investigación aos máis novos
Pola súa banda, Arnau Busquets-García, investigador que dirixe o grupo de Mecanismos celulares na conduta fisiolóxica e patolóxica do Hospital del Mar Research Institute en Barcelona, charlou co alumnado de Bacharelato e CS Comercio Internacional do IES Alfredo Brañas.
Arnau Busquets-García fixo fincapé na súa intervención que proxectos como estes que «estamos a desenvolver en Carballo son moi importantes porque, dalgunha maneira, son nestas primeiras idades nas que temos que espertar vocacións científicas» e recalcou que dende a Academia Joven de España «temos moitas disciplinas e investigacións distintas que se poden achegar a todos os mozos e mozas do municipio».
Na súa charla, o membro da Academia Joven de España, falou sobre a súa «tese doutoral e a súa época posterior investigando en Francia que versou sobre o efecto do cannabis no cerebro». Arnau quixo subliñar que «hai moitos rumores sobre se o cannabis é bo ou malo ou se pode ser utilizado terapeuticamente ou non, e o que se intenta é dar resposta a iso, para explicar que hai efectos adversos do cannabis nos máis mozos, para que o saiban e teñan coidado, pero que tamén hai moita investigación sobre o seu uso terapéutico».
Proxecto TALKO
Estas actividades están dentro do proxecto europeo “TALK0 – Km0 Talent: Connecting local science with the citizens of Carballo”, financiado no marco do programa Horizonte Europa, convocatoria MSCA and Citizens (HORIZON-MSCA-2025-CITIZENS-01-01) e ao amparo do convenio de colaboración institucional entre a Academia Joven de España (AJdE), o Concello de Carballo e a Universidade da Coruña (UDC).
No apartado “Investigadoras e Investigadores nas Escolas” o proxecto TALK0 busca chegar ao 60% do alumnado de Carballo (uns 2.200 alumnos) a través de actividades de divulgación científica que conecten a investigación europea coa vida cotiá do alumnado e inspiren vocacións científicas, especialmente entre nenas e estudantes de contornas rurais, a través da presentación de diversas referencias (40% mulleres investigadoras, investigadoras de orixe rural, investigadoras/es do MSCA) e actividades que desmitifican a carreira investigadora.

