O BNG de Culleredo reclama unha auditoría sobre a xestión privada dos bens do CLT e esixe información sobre o prexuízo económico para o Concello

Redacción

– O aparcadoiro de camións, a báscula e dous edificios do CLT, todos eles propiedade municipal, seguen a ser explotados por particulares, sen relación contractual co Concello.

– Centos de miles de euros están indo a parar a mans de xestores privados en lugar de beneficiar ao verdadeiro propietario, o pobo cullerdense, vulnerando a lexislación vixente.

– O BNG solicita da Intervención Municipal un informe extraordinario que cuantifique os ingresos que o Concello deixa de percibir e analice se esta situación pode dar lugar a esixencias de responsabilidade contable.

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou hoxe unha moción para o debate no Pleno do Concello de Culleredo, na que se solicita un informe detallado sobre o estado legal e a situación patrimonial dos bens municipais asociados ao Centro Loxístico de Transportes (CLT).

Desde o BNG levamos anos esixindo explicacións sobre a permanencia en mans privadas do aparcadoiro de camións, da báscula e de dous edificios municipais, unha vez que se deu por resolta a concesión.

Esta situación supón un beneficio económico significativo —centos de miles de euros— para quen xestiona os servizos, sen que exista ningún tipo de relación contractual que o ampare, o que constituiría unha clara vulneración da lexislación vixente.

Tan só no referido ao aparcadoiro de camións, cun prezo diario de 12 euros por noite e camión na actualidade, os ingresos deixados de percibir polo Concello de Culleredo superarían os 250.000€ ao ano.

Ante estes feitos, o BNG ve preciso requerir á Intervención Municipal a elaboración dun informe sobre a situación patrimonial dos bens do CLT, que determine se os ingresos foron obxecto de control, se existe omisión na liquidación de dereitos económicos e se a situación pode dar lugar a esixencias de responsabilidade contable perante o Tribunal de Contas ou infraccións da libre competencia.

Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, “é preciso revisar o alcance destas prácticas e de garantir a transparencia na xestión dos bens municipais, asegurando que a administración actúa conforme á lei e protexe os intereses da veciñanza cullerdense. Ninguén nos explica porqué estes bens públicos seguen a ser explotados por particulares cando a concesión foi totalmente resolta e liquidada hai anos”.

Comparte este artigo