Domínguez urxe unha solución inmediata ao problema da auga no CEIP Santo André de Xeve

Redacción

● O líder do PP de Pontevedra recorda que non se trata unha avaría puntual, senón que levan seis anos de irregularidades na auga potable dun centro educativo público

● Domínguez lamenta a sanción, pero entende que é o mínimo que se pode facer logo de tanto tempo de inacción por parte do Goberno de Lores

O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, lamenta que a inacción do alcalde de Pontevedra vaia a supoñer unha sanción para o Concello de Pontevedra pola mala xestión que están a realizar no tratamento da auga no CEIP Santo André de Xeve. Domínguez considera vergonzoso que o Goberno de Lores abandonase completamente á comunidade educativa do colexio pese a que as analíticas que se veñen realizando dende o ano 2020 nas billas do centro superan reiteradamente os límites marcados pola lexislación vixente en manganeso e radioactividade.

O Partido Popular de Pontevedra coñeceu onte a través dos medios de comunicación que a Xunta de Galicia procedeu á apertura dun proceso sancionador no mes de abril deste ano, polo que se propón unha sanción de 3.000 euros ao Concello de Pontevedra e á empresa responsable do subministro da auga pola súa inacción durante seis anos. A única solución que se tomou ante a falta de auga potable no centro foi o reparto de botellas de auga entre a comunidade educativa do centro, sendo incapaces en seis anos de dar unha solución definitiva á problemática.

Para o portavoz do PP de Pontevedra esta é unha situación “lamentable e vergoñenta”. Rafa Domínguez lamenta que despois de “seis anos de irregularidades teña que ser a Xunta a que veña a multar ao Concello de Pontevedra” para que de unha vez por todas se poña sobre a mesa unha solución a unha cuestión tan grave como é ter ao alumnado e ao profesorado dun centro de educación infantil e primaria sen auga.
“Non estamos a falar dunha avería puntual que tarda un pouco en resolverse.
Estamos falando que dende hai seis anos hai irregularidades coa auga e dende fai dous o centro non ten auga potable. E isto está acontecendo en Pontevedra, en pleno século XXI e Lores non é capaz de conseguir que un colexio teña auga”, recalca Domínguez
“Eu lamento moito que a Xunta faga esta proposta de sanción, pero tamén entendo que despois de seis anos con problemas de auga e dous sen auga potable no centro é o mínimo que se pode facer” para que o Concello de Pontevedra se poña as pilas e, de unha vez por todas, solucione o problema da auga no CEIP de Xeve “porque é unha vergonza que 200 nenos e o seu profesorado continúen sen auga nun centro educativo público de Pontevedra”, remata o líder do PP de Pontevedra.

Comparte este artigo