As concelleiras Non Adscritas coñecen as demandas dos traballadores de Urbaser e alertan das deficiencias do servizo de limpeza

Redacción

• O comité de empresa sinala a falta de persoal, as avarías das máquinas varredoras e as dificultades para cumprir determinadas tarefas de limpeza como algúns dos principais problemas.

Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez mantiveron en Raxoi unha reunión co comité de empresa de Urbaser para coñecer de primeira man a situación do persoal, as deficiencias detectadas na prestación do servizo de limpeza e as negociacións laborais que os traballadores prevén iniciar antes de que remate o ano.

Durante o encontro, que se prolongou case dúas horas, os representantes dos traballadores expuxeron as principais adversidades ás que se enfrontan no día a día. Entre elas, destacaron o elevado número de baixas laborais que dificultan garantir o funcionamento ordinario do servizo e os problemas mecánicos nas novas varredoras.

A falta de persoal condiciona o servizo

Segundo trasladou o comité de empresa, Urbaser conta cun cadro de persoal de aproximadamente 180 persoas en Santiago, das cales arredor de 40 se atopan actualmente de baixa laboral. Os representantes dos traballadores consideran que esta situación, relacionada segundo indicaron coas condicións laborais e coas dificultades de contratación, está a limitar a capacidade operativa do servizo.

Os traballadores sinalaron tamén que, ao seu xuízo, a empresa priorizou a renovación de maquinaria sen resolver suficientemente as necesidades de persoal. Como consecuencia, aseguran que algunhas máquinas varredoras non poden saír a traballar pola falta de efectivos.

Avarías nas varredoras e dificultades coa limpeza de contedores

Outro dos asuntos abordados foi o funcionamento das novas máquinas de limpeza. Segundo explicou o comité, aínda que a renovación da maquinaria se considera positiva, as varredoras presentan avarías recorrentes. As características das rúas de Santiago, especialmente as beirarrúas e as zonas empedradas, estarían entre os factores que dificultan o seu funcionamento.

Dos cinco vehículos pequenos deste tipo cos que conta o servizo, os representantes dos traballadores indicaron que, nalgúns momentos, só dous están operativos.

O comité tamén advertiu de dificultades para cumprir a frecuencia de limpeza dos contedores prevista no contrato municipal. Segundo trasladaron, a falta de persoal e a dispoñibilidade de só dous lavacontedores dificultan a realización destas tarefas cada quince días.
Preocupación polas condicións das instalacións de traballo

Durante a reunión abordáronse igualmente as condicións das instalacións que utiliza o persoal. Mila Castro interesouse polo estado do local de Arzúa, onde, segundo denunciaron os traballadores, existen filtracións de auga que provocan inundacións e humidade.

O persoal tamén trasladou a súa preocupación polo uso do vestiario feminino da nave de Urbaser como espazo de almacenamento, unha situación que consideran necesario revisar para garantir unhas condicións axeitadas para o desenvolvemento do seu traballo.

Un servizo esencial para a cidade

Gonzalo Muíños destacou a importancia de atender estas dificultades e lembrou que as condicións laborais do persoal e a calidade do servizo están directamente relacionadas. “Esta situación aféctanos a todas e todos, porque o servizo de limpeza é esencial para garantir a calidade de vida da veciñanza de Compostela. Como veciños, queremos un Concello limpo”, sinalou.

Os traballadores tamén reclamaron unha aplicación efectiva das sancións que correspondan ante os incumprimentos das normas de depósito de residuos, especialmente na zona histórica, co obxectivo de fomentar comportamentos responsables por parte da cidadanía.

Ao remate da reunión, o comité de empresa avanzou a súa intención de iniciar negociacións antes de finalizar o ano. Pola súa banda, as concelleiras Non Adscritas expresaron o seu apoio ás demandas trasladadas e a súa disposición a manter novos encontros que contribúan a buscar solucións e mellorar a prestación do servizo. “A nosa porta estará aberta, como sempre o estivo”, concluíu Mercedes Rosón.

Comparte este artigo