- Subliña o “esforzo conxunto” para desenvolver esta iniciativa, orientada a incrementar a oferta de vivenda accesible destinada a primeira residencia
- A gran maioría dos novos fogares serán protexidos e prestarase especial atención á mocidade e aos colectivos máis vulnerables
- Esta actuación súmase ás dúas parcelas situadas en Noalla e na rúa das Cunchas, cedidas anteriormente de xeito gratuíto polo Concello, nas que a Xunta ten previsto construír outras 65 vivendas de promoción pública
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un protocolo de colaboración co Concello de Sanxenxo para a cesión de solo municipal que permitirá o desenvolvemento dun Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para facilitar a construción de arredor de 350 novas vivendas, a gran maioría protexidas.
Tal e como explicou Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, este “esforzo conxunto” permitirá á necesidade do municipio de incrementar a oferta de vivenda accesible destinada a primeira residencia “para a xente moza que quere vivir no seu concello e moita xente dos arredores que queren vivir aquí”. Neste sentido, o proxecto pon o foco na mocidade e nos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado residencial.
Na súa intervención, Rueda avogou por “darlle seguridade aos propietarios para que aluguen” e por construír “para intentar solucionar o que agora é o maior problema para moitísima xente”.
O ámbito obxecto do acordo sitúase na parroquia de Vilalonga, nunha contorna con servizos comerciais, deportivos, recreativos e hostaleiros, e con boa conexión coa Autovía do Salnés. Trátase dun sector no que xa se executaran obras e investimentos previos que quedaron paralizados tras a crise de 2008. Agora, o instrumento do PIA permite ordenar e desbloquear este solo, redeseñando a actuación para facela viable e axilizando os trámites para a súa posta en marcha.
Colaboración institucional
O desenvolvemento deste proxecto parte dunha liña de colaboración entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo. A adquisición do solo por parte do concello á SAREB, cun custo de 3,5 millóns de euros, contou co financiamento do Fondo de Cooperación da Xunta. Ademais, coa sinatura de hoxe, o municipio cede estes terreos á Administración autonómica para a redacción e tramitación do PIA.
Esta actuación súmase ás dúas parcelas situadas en Noalla e na rúa das Cunchas, cedidas anteriormente de xeito gratuíto polo Concello, nas que está prevista a construción doutras 65 vivendas de promoción pública, incluíndo unidades destinadas especificamente ao alugueiro residencial para menores de 36 anos. Tralo acto de hoxe, a Administración autonómica iniciará a tramitación correspondente para licitar a redacción do proxecto do PIA.

