Luis Menor pon en valor a vocación emprendedora e a resistencia do traballo autónomo na provincia de Ourense

Redacción
I OURENSE TERRITORIO EMPRENDEDOR O presidente provincial, Luis Menor, participa na inauguración da segunda edición de “Ourense, territorio emprendedor”, organizado pola AEPA. Acompañan na presentación José María Jardón Candio (Director territorial de ABANCA en Ourense), Ana Belén Fernández Valado (Presidenta AEPA Ourense) e Marta Vázquez Guzmán (Directora territorial de emprego en Ourense). Na Confederación Empresarial de Ourense (praza das Damas, Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da segunda edición da xornada organizada por AEPA na Confederación Empresarial de Ourense

A provincia conta na actualidade -segundo os últimos datos publicados- con 22.224 profesionais por conta propia, tras lograr un incremento interanual do 0,3%, por riba da media galega

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da II Xornada “Ourense Territorio Emprendedor”, organizada pola Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense (AEPA) na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Durante a súa intervención, Luis Menor salientou a vocación emprendedora que forma parte do “ADN colectivo” da provincia, vencellándoa á historia do primeiro autónomo ourensán “O Afiador” e destacando o arraigo territorial que tradicionalmente caracterizou aos profesionais ourensáns.

Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense situou aos autónomos como un piar clave para a prestación de servizos básicos, a fixación de poboación e a xeración de actividade económica nas vilas e, especialmente, no rural ourensán.

Neste sentido, cabe destacar que a provincia de Ourense rexistra actualmente 22.224 traballadores e traballadoras autónomas que representan case o 11% de todo o traballo por conta propia de Galicia.

No último ano, o réxime de traballo por conta propia sumou 77 novos profesionais na provincia (un crecemento do 0,3 %, situándose por riba da media autonómica do 0,2 %).

Unha xornada de formación e para estreitar lazos de colaboración

A xornada “Ourense Territorio Emprendedor” desenvolve a súa programación arredor de cuestións técnicas como a ciberseguridade, a aplicación práctica da intelixencia artificial, a fiscalidade ou a divulgación de liñas de axudas dispoñibles.

Do mesmo xeito, abordouse a relevancia do diálogo continuo coas asociacións representativas do tecido produtivo e o traballo de cooperación institucional para a identificación de oportunidades reais de negocio no territorio, orientar novos proxectos económicos e fortalecer o tecido profesional tanto nos núcleos urbanos coma no rural.

No acto de inauguración da xornada tamén participaron a presidenta de AEPA, Ana Belén Fernández Valado; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Vázquez; e o director territorial de ABANCA en Ourense, José María Jardón.

Comparte este artigo