Marcos Borrageros critica que o executivo de Gonzalo Louzao non se reuniu coa poboación afectada e anuncia que o BNG preguntará polo asunto no pleno da vindeira semana
O BNG da Estrada denuncia que o goberno municipal do PP, encabezado polo alcalde Gonzalo Louzao, non convocou nin unha soa reunión coa veciñanza para explicar a afección dos parques eólicos Nesa Monte Arca Norte e Nesa Monte Arca Sur, nin para informala da posibilidade de presentar alegacións, que se poden formular ata o 12 de novembro.
O DOG do 30 de setembro publicou o acordo da Xunta que somete a información pública ambos os proxectos, promovidos por Nesa Vento Galego 2 e Nesa Vento Galego 3. Entre os dous suman seis aeroxeradores de 6,66 MW, cunha potencia total de 40 MW e unha altura total de 206 metros, nos concellos da Estrada e Cuntis, na zona do Monte Cabalar. Os proxectos inclúen tamén unha subestación (SET Monte Redondo), dúas torres de medición, gabias e novos camiños, e unha liña aérea de alta tensión de 7,88 km e 27 apoios ata a subestación de Touriñán III-2, no Campo Lameiro. A liña percorre 5.951 metros no concello da Estrada.
Un concello saturado de proxectos eólicos
Monte Arca non é un caso illado. Estes proxectos súmanse aos que xa se tramitan ou se prevén nos montes da Estrada e do seu entorno, como Campo das Rosas, entre A Estrada, Cerdedo-Cotobade e O Campo Lameiro, autorizado pola Xunta e xudicializado tras os recursos de colectivos ecoloxistas e veciñais; Monte Xesteiros, cuxa autorización foi suspendida cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou os proxectos asociados á subestación de Touriñán III-2 e a Portovidros.
«O que está a acontecer nos nosos montes é un atentado medioambiental. Temos unha saturación de muíños de vento á que cómpre porlle fin. Non se pode seguir enchendo cada monte da Estrada de aeroxeradores e liñas de alta tensión sen planificación, sen escoitar a ninguén e sen avaliar o efecto conxunto de todos os proxectos», afirma Marcos Borrageros, candidato do BNG á alcaldía.
O BNG lembra ademais que esta proliferación non beneficia a veciñanza. «Mentres se enchen os montes de eólicos, a xente da Estrada paga cada vez máis cara a electricidade. Os beneficios van para as grandes empresas e os custos ambientais e paisaxísticos quedan aquí», engade Borrageros.
Afeccións á poboación e ao medio
O BNG alerta de que os aeroxeradores e a liña eléctrica de Monte Arca afectarán a parroquias como A Somoza, Arca e Souto, no concello da Estrada, ademais de zonas lindantes con gran impacto visual. Entre as principais preocupacións destacan:
- A proximidade a vivendas e aldeas dunhas instalacións de gran tamaño, con aeroxeradores a menos dun quilómetro de núcleos habitados no caso de Cuntis, como Folgoso.
- O trazado da liña de alta tensión, a menos de 400 metros de aldeas de Arca.
- A grave afección ao sistema hídrico do Monte Cabalar e do Cádavo, en especial ás brañas e aos humidais, e o posible impacto sobre as traídas veciñais.
- O efecto sobre a paisaxe, o medio natural, a calidade de vida, a saúde e a economía local.
«A veciñanza ten dereito a saber o que se pretende construír enriba das súas casas e das súas aldeas, e o goberno do PP, que é quen ten a obriga de informar e defender os intereses da xente do concello, lavouse as mans. Non houbo reunións e ninguén dixo ás persoas afectadas que teñen un prazo para alegar», sinala Borrageros.
Pregunta no pleno
O BNG da Estrada levará a cuestión ao pleno da vindeira semana, onde preguntará ao goberno municipal se pensa informar a veciñanza, que informes encargou ou vai encargar sobre as afeccións e se presentará alegacións en nome do concello dentro do prazo.
Os nacionalistas instan ademais o goberno local a coordinarse cos concellos de Cuntis e O Campo Lameiro, tamén afectados polos proxectos.

